Pestanas principais

>Andaina polo Mar de Ovellas

Domingo, 9 marzo, 2025
De 10.00 a 14.00 horas

O Concello de Ames súmase un ano máis á conmemoración do aniversario de Rosalía de Castro, unha das escritoras máis universais de Galicia e que, ademais, foi veciña da aldea da Tarroeira, na parroquia de Ortoño, durante unha parte da súa infancia.A programación deste ano, como vén sendo habitual, busca a participación da veciñanza, ofertando unha ampla variedade de actividades para todas as idades, mais poñendo o foco na poboación máis nova. Deste xeito, a programación deste ano pretende estimular e dinamizar o uso do galego entre a mocidade amesá, poñendo en valor e achegándolles referentes en canto ao uso da nosa lingua.

Esta edición volverá a desenvolverse, tras a súa boa acollida o ano pasado, a andaina teatralizada pola Costa do Mar de Ovellas, baseada no poema de Rosalía A probiña, que está xorda. Realizaranse un total de catro rutas, que contarán coa colaboración do grupo teatral Os Quinquilláns e da regueifeira Lupe Blanco.

Haberá tres funcións específicas para os institutos de Ames e realizarase unha para o público xeral. Os participantes farán un percorrido de dificultade media duns 5 quilómetros cun 10% de pendente.

A ruta destinada ao público xeral desenvolverase o domingo 9 de marzo e contará con servizo de traslado en autobús para as persoas asistentes, con saída desde O Milladoiro ás 10.00 horas e desde Bertamiráns ás 10.15 horas. Ademais de poder gozar da ruta, que comeza en Aguapesada e finaliza en Trasmonte, haberá ao final unha pequena festa con música e degustación de petiscos. A inscrición para participar estará aberta do 24 de febreiro ata  o 6 de marzo, enviando un correo ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal.

Por outro lado, as rutas programadas para os alumnos dos institutos de Ames desenvolveranse o martes 18 de febreiro e martes 11 de marzo para o IES do Milladoiro e  o luns 17 de marzo para o IES de Bertamiráns.