Pestanas principais

>Andaina saudable: Camiño de Santiago a Fisterra

Sábado, 25 xaneiro, 2025
A partir das 9.00 horas

A Concellaría de Deportes e Promoción da Saúde, dentro do programa de Andainas Saudables, organiza unha nova camiñada polo Camiño Real de Santiago a Fisterra e Muxía por etapas. Desta volta, vaise percorrer a terceira etapa entre Vilaserío e Lago. Os/as participantes percorrerán o vindeiro sábado, 25 de xaneiro, unha distancia aproximada de 15 quilómetros. As persoas que estean interesadas en participar poden inscribirse cubrindo este formulario ata o mércores, 22 de xaneiro, ás 14:00 horas. Haberá servizo de autobuses dende a Casa da Cultura do Milladoiro, ás 9:00 horas; e dende a praza do Concello, en Bertamiráns, ás 9:15 horas.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Deportes e Promoción da Saúde, organiza unha nova actividade dentro do programa Andainas Saudables. Desta vez, percorrerase a terceira etapa do Camiño Real de Santiago a Fisterra e Muxía, unha ruta que ten un percorrido total de 120 quilómetros e que é a única que ten como orixe de partida a capital galega. Ademais, o itinerario atravesa lugares do noso concello, así como de Negreira, Santa Comba, Mazaricos, Dumbría, Cee, Corcubión, ata chegar a Fisterra e Muxía.

Deste xeito, continuase coa programación das andainas saudables percorrendo esta ruta de peregrinación. O pasado 21 de decembro realizouse a segunda etapa que discorreu por terras do concello de Negreira, desde A Ponte Maceira ata o lugar de Vilaserío.

Para este mes de xaneiro está prevista a terceira etapa que discorre dende Vilaserío ata o lugar de Lago (pasando polos lugares de O Cornado e Santa Mariña). Os/as participantes teñen que cruzar o lugar de Vilaserío e dirixirse O Cornado. Xa neste lugar, teñen que ir andando por pistas de terra e pistas forestais ata chegar As Maroñas e, de seguido, continuar ata Santa Mariña, onde poden atopar unha igrexa. Desde Santa Mariña teñen que seguir camiñando ata saír da estrada por un camiño a man dereita, que discorre entre pequenas aldeas nas que se poder ver varias explotacións agrarias.

Hai 50 prazas dispoñibles e as persoas interesadas en participar poden inscribirse á actividade no seguinte formulario ata o vindeiro mércores, 22 de xaneiro, ás 14.00 horas. Tamén se pode acceder ao formulario escaneando o código QR que aparece no cartel do programa. Terán prioridade para participar as persoas empadroadas no Concello de Ames.

De novo, volverá a ofrecerse servizo de autobús que sairá desde os dous núcleos urbanos do concello. Sairá ás 9:00 horas desde a Casa da Cultura do Milladoiro e dende a praza do Concello, en Bertamiráns, ás 9:15 horas. Recoméndase levar roupa axeitada e calzado cómodo.