Pestanas principais

>Andaina saudable pola ruta de Riamontes

Sábado, 24 setembro, 2022

A Concellaría de Promoción da Saúde dálle continuidade ao programa municipal de andainas saudables cunha nova actividade pola ruta dos muíños de Riamontes. Esta ruta que se realizará o vindeiro sábado, 24 de setembro, ten unha distancia aproximada de 10 quilómetros. As persoas que desexen participar poden inscribirse no enderezo electrónico promociondasaude@concellodeames.gal ata o xoves, 22 de setembro, ás 14:00 horas. Haberá servizo de autobuses, que sairán ás 10:00 horas da praza do Concello, en Bertamiráns, e ás 9:45 horas da Casa da Cultura do Milladoiro.

Tras un breve parón durante os meses de xullo e agosto a Concellaría de Promoción da Saúde organiza unha nova andaina para o sábado, 24 de setembro.

Nesta ocasión será pola ruta dos muíños de Riamontes. Trátase dun percorrido de dificultade media, que permite coñecer o conxunto etnográfico dos muíños que se atopan na contorna do rego de Riamontes.

Nesta andaina colabora o persoal da Asociación Cultural As Tres Aldeas, que exercerán de anfitrións e serán os encargados de facer de guías para percorrer dita ruta. Os/as participantes nesta andaina terán que andar uns 10 quilómetros aproximadamente, polo que se recomenda levar roupa e calzado cómodo, así como auga para hidratarse.

A concelleira de Promoción da Saúde, Luísa Feijóo, explica que “despois dun breve parón durante a época estival o programa de andainas saudables continúa o sábado, 24 de setembro, cunha nova actividade que percorrerá a ruta dos muíños de Riamontes. Despois de percorrer nos últimos meses a ruta das Leiteiras, en Carnota; a ruta das ribeiras do río Sar, en Santiago de Compostela; e maila ruta da Illa de Arousa, nesta ocasión quedaremos por Ames para percorrer unha das rutas máis fermosas que temos no noso concello. Ademais, estaremos moi ben acompañadas polo persoal da Asociación Cultural As Tres Aldeas”.

As persoas interesadas en realizar esta ruta, poden apuntarse ata o día 22 de setembro, ás 14.00 horas, enviando un correo electrónico ao enderezo promociondasaude@concellodeames.gal. Haberá servizo de autobuses, que sairán ás 10:00 horas da praza do Concello, en Bertamiráns, e ás 9:45 horas da Casa da Cultura do Milladoiro.