- Tipo
- Tematica
O programa Apego de Ames arrinca o ano 2023 cunha actividade na que a cativada poderá aprender cancións, ditos e recitados para achegarse á lingua dun xeito natural e divertido, "Cantando con raíz". O taller, dirixido a familias con crianzas de entre 0 e 6 anos, desenvolverase na Casa da Cultura do Milladoiro o venres, 27 de xaneiro, ás 18:00 horas. Para participar cómpre inscribirse, ata o xoves 26, enviando un correo ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal no que se indiquen nome e apelidos das persoas asistentes, teléfono de contacto e idade das nenas e nenos.
O obradoiro “Cantando con raíz” correrá a cargo de Eduvía. A empresa educativa, que conta con máis de vinte anos de traxectoria, caracterízase polas súas orixinais actividades, que teñen unha clara compoñente formativa e están enfocadas no desenvolvemento persoal. Todos os seus talleres teñen como fundamento de traballo o contacto directo cos participantes, sempre dentro dunha contorna de xogo e diversión.
Nesta ocasión, preténdese que a rapazada se achegue ao cancioneiro tradicional e que goce das súas propostas, de xeito que se recuperen os ditos e recitados para que non caian no esquecemento e se transformen nun xeito de lecer e de expresión para as novas xeracións.