Pestanas principais

>Apego: espectáculo «Punkdemia»

Venres, 28 maio, 2021
Ás 18.00 horas.

O próximo venres, 28 de maio, ás 18:00h, a Casa da Cultura do Milladoiro acollerá o espectáculo “Punkdemia”, do clown galego Peter Punk. A actividade chega da man do Programa Apego de normalización lingüística, e está dirixida a familias con crianzas. Peter Punk servirase da risa para combater o medo ao coronavirus e para lembrarnos a importancia de coidármonos. Para poder asistir é imprescindible inscribirse previamente, antes do xoves 27 de maio, a través do enderezo de correo electrónico normalizacion@concellodeames.gal, indicando o nome e apelidos das persoas participantes, a idade das crianzas e un teléfono de contacto.

Peter Punk é un dos pallasos máis programados e destacados en Galicia. Conta con máis de 1000 funcións ás súas costas en diversos países, programacións e espazos. Os seus espectáculos gozan dunha grande acollida por parte do público cativo e adulto.

Desta volta, convértese no Doutor Punkdemia e presenta un espectáculo viral no que, a través de 4 fases, amosará a súa particular visión da pandemia. Neste espectáculo adaptado á nova normalidade, saberemos como se viste un pallaso para protexerse da pandemia, veremos malabares con coronavirus e asistiremos a unha técnica innovadora para botar o virus do noso corpo empregando globos de xeito sorprendente. Contaremos coa axuda de Tranquilo, un vello amigo de Peter Punk sempre disposto a colaborar e, para rematar, daremos a volta á “curva” para descubrir a Vacina da Risa. E subiremos na Corentrona, unha cadeira de rodas na que Peter Punk mostrará as súas habilidades e baixará a rampla da desescalada para bater co muro dos recortes.