- Tipo
- Tematica
Xa está aberto o prazo para inscribirse en “Fíos do querer”, unha nova proposta do Apego de Ames para familias con nenas e nenos dos 0 aos 4 anos. Cé Orquestra Pantasma presenta un espectáculo musical participativo, tecido con agullas de amor, lingua, aloumiños e das primeiras experiencias compartidas. Será o próximo venres 18, con dúas sesións ás 17:00 e ás 18:00 horas, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. As persoas interesadas en asistir poden anotarse dende o 10 ata o 17 de febreiro, enviando un correo ao enderezo electrónico normalizacion@concellodeames.gal, no que indiquen nome e apelidos das asistentes, teléfono de contacto e idade das crianzas.
As actividades do programa Apego de Ames proseguen coa música de Cé Orquestra Pantasma, un home orquestra que leva dende o verán de 2008 percorrendo o panorama festeiro galego e portugués. Acompañadas de nais, pais, ou outras persoas adultas responsables, as crianzas gozarán da música e explorarán os seus sentidos, con axóuxeres e obxectos sonoros feitos con materiais naturais. As nenas e nenos bailarán e cantarán xuntas, nun espazo para desfrutar do amor, da lingua, dos bicos, dos aloumiños e das primeiras experiencias compartidas.
A actividade é de balde e as persoas interesadas en participar só teñen que enviar un correo ao enderezo electrónico normalizacion@concellodeames.gal no que indiquen nome e apelidos das asistentes, teléfono de contacto e idade das crianzas que as acompañen. O prazo de inscrición está aberto dende o 10 ata o 17 de febreiro. Non se admitirán inscricións fóra de tempo e as prazas asignaranse respectando a orde de recepción das solicitudes.