Pestanas principais

>Cabalgata de Reis e visita ás parroquias

Domingo, 5 xaneiro, 2025

A programación do Nadal en Ames rematará coa celebración da tradicional Cabalgata de Reis nos núcleos urbanos do Milladoiro e Bertamiráns, xunto coas súas respectivas Festa de Reis nos pavillóns municipais, o domingo 5 de xaneiro. A cabalgata no Milladoiro será ás 17.00 horas e a festa no pavillón comezará ás 18.00 horas. En Bertamiráns, a cabalgata celebrarase ás 19.00 horas e a festa no pavillón municipal será ás 20.00 horas.

O día previo á chegada dos agasallos dos Reis Magos, as Súas Maxestades percorrerán o domingo 5 todos os recunchos do concello, comezando polas parroquias do rural amesán. Deste xeito, a rapazada destes núcleos rurais tamén poderá gozar da visita dos Reis Magos. Iniciarán o seu percorrido pola Ameixenda e Cruxeiras ás 10.00, continuando por Augapesada ás 10.30, por Piñeiro e Covas ás 11.00, polos lugares de Tapia e Ortoño ás 11.30, por Lens ás 12.00, por Agrón e Bugallido ás 12.30, por Trasmonte á 13.00 e finalizando este percorrido en Biduído á 13.30.

Xa pola tarde, será a quenda das tradicionais cabalgatas de Reis nos principais núcleos urbanos de Ames. As familias interesadas en apuntar aos seus rapaces e rapazas para participar aínda están a tempo de poder inscribirse. Só é preciso enviar o impreso de inscrición a través da Sede electrónica ou de xeito presencial nas oficinas do Milladoiro e Bertamiráns.

A primeira cabalgata será a do Milladoiro, de 17.00 a 18.00 horas. A comitiva real sairá da Igrexa de San Xosé, proseguirá pola rúa Agriños – Travesía do Porto – Rúa Pardiñeiros – Agro do Medio – Rúa de Abaixo – Raxoeira – Rúa Anxeriz – Rúa Cruxa – Avenida Rosalía de Castro – Agro do Medio – Rúa Agro da Madalena – Rúa Cereixos – Travesía do Porto, rematando no pavillón.  Unha vez finalice o percorrido da cabalgata, o pavillón municipal abrirá as súas portas  para dar comezo á Gran Festa de Reis para gozar de música e chocolate con rosca.

Na mesma liña, a cabalgata de Reis en Bertamiráns será de 19.00 a 20.00 horas, comezando o percorrido á altura da Nave Obras do Concello; a continuación proseguirán por Avenida da Maía – Rúa do Pedregal – Travesía do Pedregal – Avenida da Maía – Avenida da Peregrina ata rematar no pavillón. Unha vez remate a cabalgata, ao igual que no Milladoiro, haberá un fin de festa con música no pavillón municipal con chocolate e rosca para todos os asistentes.