Pestanas principais

>"Canta, bugina, canta" de Marta Ortiz

Venres, 7 marzo, 2025
Ás 18.00 horas

O Concello de Ames presenta a programación infantil con Apego para o primeiro semestre do 2025 na que colaboran os departamentos de Bibliotecas, Cultura e Normalización Lingüística. O programa inclúe arredor de 40 actividades dirixidas a familias con crianzas que se desenvolverán entre os meses de xaneiro e xuño. Na ampla variedade de propostas, coas que tamén se festexará o ano das cantareiras, podemos atopar actividades que van desde arrolos, música de diferentes estilos, obradoiros, teatro, contos, picadiscos, novo circo, unha foliada, fotografía, xogos, unha viaxe, maxia e unha festaza con moito Apego, todas elas co obxectivo de achegarlles ás familias recursos lúdicos e culturais que estimulen o coñecemento e o apego pola lingua.

O día 7 de marzo, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, levarase a cabo a actividade "Canta, bugina, canta!", impartida por Marta Ortiz. Este espectáculo de narración oral para a primeira infancia que mestura teatro, contos, xogos e música para viaxar en igualdade, amor e respecto, axudará á rapazada a explorar os sentidos, xogar coas palabras, descubrir emocións ou mesmamente debuxar ideas.

A inscrición desta actividade está aberta dende o 27 de febreiro ao 6 de marzo. Para participar, só hai que mandar un correo ao enderezo electónico normalizacion@concellodeames.gal. Para máis información, podes poñerte en contacto co servizo de Normalización Lingüística chamando ao número de teléfono 662 377 215.