- Tipo
- Tematica
O Concello de Ames, a través da Concellaría de Benestar Social e Igualdade, organiza para este venres 14 de marzo a quinta edición da carreira da muller “Moitos camiños, mesma meta”, que se celebrará na área deportiva do Milladoiro. Trátase dunha cita deportiva lúdica e non competitiva, incluída dentro do programación conmemorativa do Día Internacional da Muller. O obxectivo da proba, que comezará ás 17:30 horas, é reivindicar os distintos atrancos aos que se ven sometidas todas as mulleres no día a día, a través dos nove obstáculos que se instalarán no circuíto. A inscrición, de balde, pode realizarse en liña premendo nesta ligazón. Neste evento familiar poden participar nenos/as de 5 anos en diante e persoas adultas, que terán que completar un percorrido de 600 metros.
Trátase dunha proba deportiva na que as persoas participantes deberán enfrontarse a nove obstáculos ao longo de 600 metros, que se poden recorrer correndo ou andando, e con ou sen axuda de compañeiros/as. Non se trata dunha cita competitiva, senón dunha proba que busca reivindicar as dificultades ás que se enfrontan todas as mulleres no seu día a día. Cada atranco simbolizará un reto distinto.
O recorrido poderase realizar de maneira individual ou con compañía. Ademais, búscase fomentar a participación do público familiar e propiciar o debate social sobre aspectos como a conciliación ou a corresponsabilidade. Por este motivo, esta carreira está pensada para nenos/as de 5 anos en diante e persoas adultas. No caso dos menores, deberán acudir acompañados dun adulto.
Trámite de inscrición
Este ano a carreira farase na área deportiva do Milladoiro, a partir das 17:30 horas. A entrega de dorsais farase de 16.30 a 17:30 horas o mesmo día da carreira. Ao final da proba entregarase un agasallo a cada participante.
A inscrición, de balde, pode realizarse en liña premendo nesta ligazón, ou de forma presencial en Gabinete de Alcaldía, na Casa do Concello. As inscricións tamén se poderán facer o propio día da carreira, de 16.30 a 17.30 horas, no punto habilitado para a entrega de dorsais.
Trala carreira haberá sorteo de agasallos grazas á colaboración de Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA), que colabora nesta iniciativa con diversos premios. Cada participante na carreira participará en dito sorteo co número do seu dorsal.
