- Tipo
- Tematica
A Concellaría de Deportes, a través de Xesta Natureza, organiza para o vindeiro sábado, 15 de abril, ás 17.00 horas, a segunda edición da carreira de orientación do Concello de Ames, que se desenvolverá na área deportiva de Bertamiráns. Haberá tres categorías distintas: Xestiñas (categoría para nenos/as), Xestas (categoría para adultos) e Xesteiras (categoría para persoas con medios/altos coñecementos de orientación). Poderase participar de xeito individual ou en grupo (máximo de 4 participantes por equipo). As inscricións son de balde e pódense facer premendo nesta ligazón. Para dispor de máis información pódese chamar ao número de teléfono 644 567 614, escribir un correo electrónico a info@xestanatureza.com ou visitar a páxina web www.xestanatureza.com.
O Concello de Ames, a través da entidade Xesta Natureza, organiza para o vindeiro sábado, 15 de abril, a segunda edición da carreira de orientación do Concello de Ames. Tralo éxito da primeira edición na que 180 persoas de toda Galicia se inscribiron no evento, a Concellaría de Deportes volve organizar esta proba deportiva que se desenvolverá de 17:00 a 20:00 horas. O pavillón polideportivo de Bertamiráns establécese como punto de ubicación: https://goo.gl/maps/ePU35QXaVZ8oL754A.
Unha carreira de orientación é unha competición individual, campo a través e cronometrada, na que hai que completar un percorrido no menor tempo posible, pasando por puntos determinados no terreo ou balizas. Esta carreira de orientación consistirá en visitar no menor tempo posible tódalas balizas establecidas na orde que se indica no mapa. Pódese facer a inscrición (ata 4 participantes por equipo), elixindo algunha das seguintes categorías:
-Xestiñas: categoría para nenos/as, sinxela física e tecnicamente (menos de 3 quilómetros en total).
-Xestas: categoría para adultos, nivel físico e técnico medio (menos de 4 quilómetros en total).
-Xesteiras: categoría para persoas con medios/altos coñecementos de orientación, nivel físico e técnico alto (máis de 5 quilómetros en total).
As persoas que queiran participar de xeito individual deben facer as inscricións por separado. As saídas serán graduadas en tempo, non saíndo en ningún momento dúas persoas (ou equipos) no mesmo minuto. As inscricións son de balde e pódense facer premendo nesta ligazón. Para dispor de máis información pódese chamar ao número de teléfono 644 567 614, escribir un correo electrónico a info@xestanatureza.com ou visitar a páxina web www.xestanatureza.com.
A organización facilitaralles aos/as participantes unha tarxeta electrónica para ir rexistrando o paso por cada unha das balizas. Débese completar o percorrido (en orde), dende a saída ata a meta. Ao rematar a proba poderanse consultar os resultados en tempo real coa axuda dun código QR que irá impreso no mapa.