- Tematica
A Unión de Consumidores de Galicia vai impartir o mércores, 14 de decembro, ás 20.00 horas, unha charla para tratar de entender a factura da luz. A charla impartirase no salón de plenos da Casa do Concello, en Bertamiráns. Esta actividade enmárcase dentro do acordo que teñen asinado o Concello de Ames e a Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL). A través desta xornada facilitaráselle aos consumidores e usuarios amesáns unha mellor comprensión en materia de subministración eléctrica.
No marco do convenio de colaboración entre a Union de Consumidores de Galicia e o Concello de Ames, o próximo mércores 14 de decembro, ás 20.00 horas, vaise celebrar no salón de plenos da Casa do Concello unha charla que se denomina “Non quedes a escuras. Entende a factura da luz”.
A Unión de Consumidores de Galicia consciente da complicación que representa coñecer os mecanismos de funcionamento do sector eléctrico, pretende formar á cidadanía no eido da subministración eléctrica para garantir os seus dereitos como consumidores e axudarlles a entender e aforrar na factura da electricidade. Deste xeito, os asistentes poderán resolver as súas dúbidas sobre as distintas modalidades de contratación de electricidade, a potencia contratada e as tarifas da luz existentes.
Esta actividade formativa estará impartida por técnicos da Unión de Consumidores de Galicia e contan coa colaboración do Concello de Ames. A través desta xornada facilitaráselle aos consumidores e usuarios amesáns unha mellor comprensión en materia de subministración eléctrica.