- Tipo
- Tematica
A Concellaría de Cultura retoma unha vez máis as proxeccións do Ciclo Mestre Mateo, desta volta co filme "Jacinto", que foi nominado en once categorías nos XX Premios Mestre Mateo. A película conta a historia de Jacinto, un adulto con mentalidade infantil ao que lle cambia a vida a chegada de dúas novas veciñas á súa aldea. Trátase da última das proxeccións deste circuíto, e será o mércores 30 de novembro na Casa da Cultura de Bertamiráns, ás 20:00 horas. Os convites, de balde, xa se poden retirar na Billeteira electrónica do Concello de Ames.
“Jacinto” está protagonizada por Pedro Brandariz, que interpreta a un neno duns nove anos atrapado no corpo dun home de case cincuenta. Jacinto vive en Mallou, unha pequena aldea abandonada entre as montañas, coa única compañía dos seus pais e da súa mascota.
Todo este pequeno mundo cambia coa chegada dunha nova parella de veciñas: Alex e Ana, dúas artistas suecas que buscan un lugar tranquilo e sen distraccións onde poder gravar o novo disco da súa banda. Jacinto comeza a sospeitar que as novas habitantes de Mallou son vampiras que planean rematar coa súa familia para controlar a aldea. Para impedilo, elabora un plan, aplicando todo o aprendido vendo películas de terror.