Pestanas principais

>Concerto Miúdo da EMMA

Mércores, 26 febreiro, 2025
Ás 19.00 horas

Un ano máis, o Concello de Ames, en colaboración coa asociación Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA), organiza unha programación de Entroido que se desenvolverá entre o mércores 26 de febreiro ata o venres 7 de marzo, con actividades que buscan, un ano máis, a colaboración da veciñanza e asociacións do concello. Ademais, mantéñense as localizacións dos actos establecidas o ano pasado, polo que o desfile de disfraces será no Milladoiro e o desfile e concurso infantil será en Bertamiráns. Deste xeito, búscase establecer e manter nunha mesma localidade cada unha das actividades do Entroido.

O Entroido en Ames dará comezo o mércores 26 de febreiro, ás 19.00, co "Concerto Miúdo" no que actuarán diferentes agrupacións infantís e xuvenís da Escola de Música Municipal de Ames na Casa da Cultura de Bertamiráns. Neste recital se interpretarán un total de 13 pezas de amplos xéneros musicais. O espectáculo dará comezo coa agrupación de música e movemento, que interpretará “Danza de carnavalita” e “La vida es un carnaval” con percusión corporal.

Continuará o combo de voces adultas interpretando “Lollipop” a capella. Así mesmo, será a quenda da agrupación Violín Jóvenes Águilas que tocarán “Braveheart” e “Barbie Girl”. Por outra banda, os asistentes poderán gozar da actuación de “Lose Control” da agrupación de canto e piano.

As últimas actuacións virán da man do combo de Linguaxe Musical, que interpretará “Pou” e “Pedro, Pedro…”. A agrupación de guitarras, acompañada dunha voz solista, traerán un tema de actualidade, con “Die with a smile”.  O Combo da EMMA xunto co combo de voces cantarán un clásico como é “Será porque te amo” e, pechando a velada, o combo xuvenil realizará unha actuación duns 12 minutos na que interpretarán “No se te puede dejar nada”, “Física y química” e “I see red”.

A entrada será de balde ata completar aforo.