- Tipo
- Tematica
A danza será a protagonista no mes de abril da programación cultural de Ames, con dous espectáculos na Casa da Cultura do Milladoiro. O primeiro será “DeMente”, o venres 1 de abril, con dúas sesións ás 17:30 e ás 20:30 horas. Será unha sesión de danza tradicional da compañía Fran Sieira, que tratará de mostrar o estigma que sofren e sufriron as persoas que padecen trastornos mentais, dende os amoreamentos carcerarios ata a a exteriorización dos nosos días. As entradas xa están dispoñibles na Billeteira electrónica do Concello de Ames.
En "DeMente" plásmase unha realidade, un estigma, unhas patoloxías que segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS) sufriron, sofren ou sufrirán nalgún momento da súa vida unha de cada catro persoas.
A reclusión practicamente carceraria das persoas “dementes” en tempos pasados, os amoreamentos de persoas enfermas, as contencións mecánicas totais e parciais, así como as contencións químicas (antipsicóticos e outros medicamentos), os suicidios (“o tolo cando entraba no manicomio só lle quedaba esperar a morte”), a explotación da enferma (“os almacéns de carne humana”)…
Amosarase a evolución dos tratamentos en persoas que padecen trastornos mentais, dende os amoreamentos practicamente carcerarios ata a exteriorización dos nosos días. Por que as doenzas mentais nos dan certo medo? Por que coloquialmente utilizamos expresións como “estás para encerrar”, “estás para atar”, “estás tolo”? Por que pensamos que unha solución para o “tolo” ou a “tola” ten que ser o encerro ou algún tipo de contención mecánica ou química?