- Tematica
As bibliotecas municipais amesás celebran un novo encontro literario co fin de presentar o Caderno Ramón Piñeiro número 44, unha obra colectiva dedicada a celebrar a obra da autora Xela Arias, homenaxeada no Día das Letras Galegas de 2021. Será o vindeiro mércores 26 de xaneiro, ás 20:00 horas, no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. Presentarán o acto Luís Cochón, editor da publicación; Manuel González, coordinador científico da obra, e o escritor Xosé Ramón Fandiño, acompañados do alcalde de Ames, Blas García, e da concelleira de Cultura, Natividade González. A entrada será libre ata completar aforo.
“Cadernos Ramón Piñeiro XLIV. Celebración de Xela Arias. Intempériateme” é o título do monográfico que se presentará este próximo mércores. Publicado polo Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, conta coa colaboración vinte e catro autoras e autores galegos, que aportan a súas achegas sobre a obra da autora homenaxeada na última edición do Día das Letras Galegas, a escritora, poetisa e tradutora Xela Arias.