- Tipo
- Tematica
O pimeiro dos encontros literarios programados polas bibliotecas municipais de Ames para o mes de abril contará coa autora Marilar Aleixandre como protagonista, e terá lugar o día 12, ás 20:00 horas, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. A escritora presentará "As malas mulleres", da Editorial Galaxia. A obra é unha dura e apaixonante viaxe polo tramo final do século XIX, nunha historia a varias voces. Por un lado, a de Sisca, de quince anos; e por outra, a de mulleres como Juana de Vega. A novela está escrita contra a desmemoria, para recuperar a historia das reclusas no cárcere da Galera, na Coruña, onde tanto Juana de Vega como Concepción Arenal traballaron a prol da dignificación das persoas. Asemade, é un canto ao papel dos libros e da lectura na mellora da vida das persoas.
Marilar Aleixandre (Madrid, 1947) é licenciada en Bioloxía pola Universidade Complutense de Madrid, onde residiu durante a súa primeira xuventude. Posteriormente trasladouse a exercer a docencia a Galicia, onde impartiu clases no Instituto do Calvario (Vigo) e na Universidade de Santiago de Compostela.
A autora iniciouse no mundo da literatura escribindo relatos curtos e panfletos para revistas clandestinas, durante o seu paso pola universidade. Máis tarde iniciou a súa participación en certames de poesía. A súa narrativa abarca tanto a literatura infantil e xuvenil como a de público adulto, e tamén é tradutora en varias linguas.