- Tipo
- Tematica
O segundo dos encontros literarios organizados polas bibliotecas municipais de Ames terá lugar o xoves 16 de febreiro, e contará co autor Martiño Santos Canosa, que presentará "A nación dos mil viños", de Edicións Laiovento. O evento será ás 20:00 horas no Pazo da Peregrina de Bertamiráns.
"A nación dos mil viños" é a guía galega para adentrarse no mundo do viño, e busca ser unha iniciación combinada á altura do viño en xeral, á súa proba sensorial e do panorama concreto dos viños galegos. Na obra expóñense os elementos máis destacados que inflúen no seu resultado final e que integran o seu proceso de creación cada ano, dende a viña á copa: os solos, o clima, as variedades de uva, a viticultura e a enoloxía. Tamén as chaves elementais para o seu goce e análise sensorial. Por outra banda, tamén se fai un repaso descritivo pola vitivinícola galega actual. Estes contidos, ademais, acompáñanse de elementos históricos e culturais que contextualizan o significado e importancia do viño. A obra aborda tamén a historia das persoas produtoras e as marcas comerciais que chegan a nós como resultado final do seu traballo. O libro é unha obra colectiva, firmada por Martiño Santos Canosa e Xosé Gontá Sobrino, e conta coas ilustracións de Toño Núñez Amigo-Rivadulla.