Pestanas principais

>Encontros literarios: "Runrún" de Ana Varela Miño

Xoves, 23 xaneiro, 2025
Ás 20.00 horas

Este mes de xaneiro retómase a programación desta edición dos Encontros Literarios, coa presentación de "Runrún" da autora Ana Varela Miño. O encontro terá lugar o xoves 23 de xaneiro ás 20.00 horas no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns. A entrada será libre ata completar aforo.

O Concello de Ames, a través do departamento de Bibliotecas Municipais, continúa coas presentacións de libros do programa “Encontros Literarios”, unha actividade que promove a literatura en galego e axuda a dar a coñecer a escritores próximos.

“Runrún” de Ana Varela Miño
A autora deste próximo encontro é Ana Varela Miño (Narón, 1978), licenciada en Tradución e Interpretación pola Universidade de Vigo, unha autora moi ligada ao mundo da tradución e tamén da poesía. Coa súa primeira obra, “Asombrario”, publicada no 2017, gañou o Certame de Poesía Francisco Añón. Ademais deste recoñecemento, no 2019, recibiu o Premio de poesía Gonzalo López Abente pola obra “Onde nacen as hedras”.

Con “Runrún”, publicada pola Editorial Galaxia a finais deste pasado 2024, a autora adéntrase no mundo da narrativa e presenta unha historia ambientada na cidade de Ferrol e a súa comarca. O libro relata a historia de dúas irmás, Uxía e Aldara, que se ven obrigadas a volver a reconstruír as súas vidas tras a morte prematura dos seus pais. A narración desenvólvese en só 24 horas e Aldara sofre un episodio psicótico e a súa irmá afronta a situación, soa, como pode.