- Tipo
- Tematica
Este venres, 17 de febreiro, a Coordinadora de Convivencia Positiva, coa axuda do profesorado, o persoal non docente, a ANPA e o departamento de mediación intercultural do Concello de Ames, vai organizar o primeiro Entroido Intercultural no IES do Milladoiro. O obxectivo é tentar mellorar a convivencia positiva no centro e recoller, ao mesmo tempo, un aproveitamento didáctico da propia experiencia educativa. Haberá música, gastronomía e disfraces.
As actividades programadas para esta xornada son lúdico-educativas, posto que a maiores do clásico desfile de disfraces hai unha serie de actividades educativas para fomentar a convivencia positiva e a reflexión, danza grupal guiada, a degustación de doces do entroido organizada pola ANPA e a exposición de doces do mundo “12 doces”. Aprenderase como se fan as arepas venezolanas, os escones de Escocia, a pastafrola Arxentina, os brigadeiros do Brasil, a paracuca de Angola, o tiramisú de Italia, o rösti de Suiza ou os buñuelos de Bolivia, entre outros moitos pratos do mundo. A maiores contarase coa colaboración da cociñeira Fátima (Fatna Ait Messaoud Boujrida), que achegará a rica cultura culinaria de Marrocos.