Pestanas principais

>Excursión a Carballolandia

Sábado, 22 xuño, 2024
Ás 9:30 horas

Despois de varios aprazamentos por mor da chuvia, o vindeiro 22 de xuño retómase a excursión ao Pazo de Arxeriz, no Cabo do Mundo, e a Carballolandia, un ecoparque situado no concello de Chantada, na Ribeira Sacra, á beira do río Miño. Ofrecerase servizo de autobús con saída ás 9:30 e regreso ás 21:00 horas ao Pazo da Peregrina de Bertamiráns. As inscricións para participar na actividade, que está dirixida ao público familiar, son de balde. Hai prazas limitadas, polo que é preciso inscribirse. O prazo está aberto ata o vindeiro xoves, 20 de xuño, e para anotarse só hai que enviar un correo ao enderezo electrónico normalizacion@concellodeames.gal, no que se indique nome e apelidos das persoas asistentes, teléfono de contacto e idade das crianzas.

Ao longo da xornada do sábado 22 de xuño realizaranse numerosas actividades ao aire libre, conducidas por Anxo Moure, o carballo con botas. Deste xeito, os cativos e cativas poderán gozar de contos nas árbores, paseos, xogos populares, xogo libre, bautizo en barca de río... e achegaranse ao mundo das árbores autóctonas, da contorna fluvial e dos seres mitolóxicos galegos, nun espazo natural pensado para o lecer e para a convivencia.

As familias inscritas sairán en autobús ás 9:30 horas, desde o Pazo da Peregrina de Bertamiráns e estarán de volta sobre as 21:00 horas, aproximadamente. O xantar e a merenda farase no campo, polo que cada familia ou grupo deberá levar a súa propia comida e bebida. Cómpre recordar que, aínda que a actividade é gratuíta, os adultos que desexen acceder ao museo do Pazo de Arxeriz deberán aboar a súa propia entrada, que ten un custe de 3 euros por persoa.