- Tipo
- Tematica
O Pazo da Peregrina de Bertamiráns acolle a exposición "O herbario de Rosalía", unha mostra de 50 láminas con imaxes de especies botánicas asociadas ás obras da escritora, e que xurdiu tras a investigación das profesoras María López Sández e María Isabel Fraga Vila e a publicación do libro homónimo a dita exposición. Poderase visitar os días 16, 17, 23, 24, 25, 26, 30 e 31 de marzo e 1 e 2 de abril. Os xoves e venres o horario será de 17:00 a 20:00 horas, e os sábados e domingos de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas.
O proxecto foi fraguado a partir do ano 2019, momento no que López Sández e Fraga Vila crearon un herbario físico inspirado na obra rosaliana, analizando previamente a creación literaria da autora para identificar a totalidade das plantas e flores mencionadas. Posteriormente, seguindo o ciclo anual e visitando os espazos que Rosalía mencionou nos seus textos, seleccionaron máis material: dende rosas ata herbas do cemiterio ou do campo, como homenaxe á flora humilde que está presente na obra de todos os autores do Romanticismo, incluída a propia Rosalía.
A exposición estrutúrase en diversas seccións: rosas, herbiñas do campo florido, herbiñas do camposanto, árbores e outras flores, plantas e especies comestibles. En total, móstranse 50 láminas que van acompañados de paneis explicativos que relacionan cada apartado coa obra de Rosalía de Castro e poñen en valor o nexo que existe entre a súa literatura e a natureza.
Por outra banda, a mostra recolle tamén obxectos cedidos pola Casa-Museo Rosalía de Castro, como edicións dos libros da poeta. Así mesmo, no Pazo da Peregrina reprodúcese unha proxección audiovisual na que se inclúen os 150 pregos que compoñen o herbario na súa totalidade. Na entrada do espazo, os e as visitantes poderán ver tamén o mural “O xardín de Rosalía”, realizado durante as últimas semanas polos usuarios e usuarias das bibliotecas municipais de Ames.