- Tipo
- Tematica
O Concello de Ames organiza a segunda edición da Feira do Monte “Tanto monte, monte tanto”. A feira celebrarase o próximo sábado, 29 de outubro, na parroquia de Trasmonte, co obxectivo de recuperar os oficios ligados ao monte. O programa comezará ás 11.30 horas coa apertura da feira. Preme nesta ligazón para descagar o programa da Feira do Monte.
Este ano haberá o dobre de expositores respecto da anterior edición o que permite organizar un evento de maiores dimensións. Contarase con 12 mostras distintas, que recuperan vellas ocupacións do monte.
Entre os expositores, destacan sectores como a cosmética, apicultura, cestería, cereais, medicina natural, o porco celta, aceites e cogomelos. Deste último produto ofrecerase unha importante exposición e unha charla de 17.00 a 18.00 horas a cargo de persoal da Asociación Estrada Micolóxica. Tamén se habilitará un stand sobre a horta ecolóxica da aldea modelo de Osmo, en Cenlle.
Ademais, ofrecerase un obradoiro cooperativo de 11.30 ás 19.00 horas, así, durante toda a xornada os visitantes elaborarán unha gran folla que quedará no Concello de Ames como recordo.
Showcooking e presentación de Fisterra Bovine World
Entre as 13.30 e as 15.00 horas organizarase a presentación de Fisterra Bovine World, en colaboración con Discarlux e a Deputación da Coruña. A actividade incluirá un showcooking, invitarase a probar os pratos e ofrecerase unha visita guiada do proxecto, explicando os distintos métodos de cría da carne destinada a produtos gourmet. A iniciativa vén de recibir o premio á mellor chuleta de España.
Ademais, a Deputación da Coruña conta cun stand propio no que presentarán a campaña “Unha provincia que sabe”, na que se ofrecerá un showcooking.
Completan o programa dous proxectos propios do Concello de Ames, un deles sobre a repoboación de faixas de protección de incendios con autóctonas caducifolias e outro sobre a recuperación de camiños do monte. Estas exposicións inclúen ademais un viveiro de planta forestal.