- Tipo
- Tematica
As nenas e nenos amesáns celebrarán a chegada dos Reis Magos cunha festa especial, que terá lugar nos pavillóns municipais do Milladoiro e de Bertamiráns. Antes, os Reis estarán nas Oficinas municipais do Milladoiro e na Casa do Concello, en Bertamiráns, para deixar a súa firma no libro municipal de sinaturas. Xa nos pavillóns municipais, participarán na Festa de Reis onde haberá espectáculos de pompas, aéreos e de luces led. Tamén haberá chocolate con rosca para todos/as os/as asistentes.
No Milladoiro, os tres Reis Magos estarán nas Oficinas Xerais ás 17.00 horas, para de seguido, desprazarse ata o pavillón desta localidade, pasando polas rúas Agro do Medio, rúa dos Cereixos e Travesía do Porto. En Bertamiráns, estarán ás 18.00 horas na Casa do Concello, para posteriormente ir ata o pavillón municipal, pasando polas avenidas da Maía e da Peregrina.
Unha vez cheguen aos pavillóns municipais, arredor das 17.30 horas no Milladoiro, e as 18.30 horas en Bertamiráns, participarán na Festa de Reis na que haberá espectáculos de pompas, aéreos e de luces led. Melchor, Gaspar e Baltasar tamén recibirán a todos os nenos e nenas que queiran falar ou facerse unha foto con eles.
Os pavillóns estarán abertos media hora antes da chegada das súas maxestades os Reis Magos.