- Tipo
- Tematica
Este sábado, 7 de setembro, terá lugar a I Festa dos Muíños das Tres Aldeas (Pedrouzos, Vilar e Lamas), promovida pola Asociación Cultural As Tres Aldeas, que nace co obxectivo de poñer en valor o patrimonio cultural e antropolóxico vinculado aos muíños de Riamontes, así como favorecer a convivencia da veciñanza e fomentar o interese no coidado do entorno amesán.
A xornada xa tivo un precedente nos anos 2012 e 2013, cando a través da Asociación de Veciños de Riamontes, organizouse unha Noite de Repostería e cine ao aire libre cunha alta participación nas dúas edicións. Nesta ocasión organízase unha xornada con máis actividades e centrada nos muíños, de maneira que se fará unha visita guiada polas mulleres das Tres Aldeas, que foron usuarias dos muíños e últimas portadoras desa memoria viva do concello.
Ademais, farase por primeira vez unha Olimpíada Rural para que toda a veciñanza probe as súas destrezas nas habilidades do rural. E como non, retomarase o Concurso de Masas e Repostería.
Programa de actividades
As actividades comezarán as 11.00 horas coa saída do lugar de inicio da ruta no Vilar e cunha visita guiada polos muíños. Para as 13.00h está prevista a chegada ao muíño do Vilar e facer unha moenda demostrativa. Unha hora despois, ás 14.00h, haberá un xantar popular na praza do Vilar. Cada participante deberá levar o seu xantar.
Pola tarde, ás 16.00h, comeza a Olimpíada rural. As inscricións faranse alí mesmo antes de comezar a proba. Para as 17.00h está prevista a recepción de pratos para o Concurso de Masas e Repostería. Ás 17.45h o xurado fará a cata e deliberación dos pratos presentados ao concurso, é ás 18.30h será a entrega de premios e fin de festa coa actuación musical do grupo de música tradicional Follas Novas.