- Tipo
- Tematica
Dende este venres, 25 de agosto, e ata o domingo día 27 a parroquia da Ameixenda celebra as festividades na honra de Santa Mariña. Durante os vindeiros días haberá misas, verbenas e sesións vermú. Estas festas contan coa colaboración do Concello de Ames, a través do programa Música nas parroquias.
Durante a primeira xornada das festividades terá lugar unha misa solemne na honra da Virxe das Dores e da Santa Mariña a partir das 13:00 horas. A continuación haberá sesión vermú con “Reflejos”. Xa pola noite a veciñanza poderá gozar dunha verbena a cargo de “Reflejos” e de “Fussión”.
As festas continuarán o sábado 26 ás 13:00 horas cunha misa cantada polo coral “Santiago Apóstol” na honra do Santísimo Sacramento, ofrecida pola familia Mato e a familia de Corral. A continuación haberá pasarrúas co grupo tradicional “Os Retranqueiros”. Esta actuación é froito da colaboración da Concellaría de Cultura a través do programa Música nas parroquias. A sesión vermú rematará coa actuación de “Kalima 3.0”, e haberá inchables. Xa pola noite, volverá a actuar “Kalima 3.0” con “Barceló”.
Por último, o domingo 27 pecharanse as festas cunha nova misa na honra da Virxe do Rosario, coa presenza da coral “Amigos de Javier Otero”. De seguido, pasarrúas co grupo tradicional “Os Retranqueiros”, tamén no marco do programa Música nas parroquias, e sesión vermú co grupo “Alborada”. O fin de festa virá da man do grupo “Monoulious Dop”, que vai actuar ás 20:00 horas, e a continuación de novo o grupo “Alborada”. Haberá inchables durante toda a xornada, ademais de carpa e parking.