- Tipo
- Tematica
Un ano máis, os departamentos de Xuventude e Normalización Lingüística de Ames puxeron en marcha o certame Galetiktokers. Trátase dunha oportunidade para que a mocidade estimule a súa creación empregando os novos formatos e poñendo en valor a lingua galega.
As 51 pezas audiovisuais presentadas por máis de 120 mozos/as participantes de Ames e doutras localidades de Galicia, optan unha vez máis a un total de 1.800 euros, repartidos en seis premios. Na primeira categoría (mozas e mozos de 13 a 16 anos) presentáronse 27 vídeos, mentres na segunda categoría (mozas e mozos a partir de 17 anos) hai 22 vídeos admitidos.
Catro dos premios (os dous vídeos mellor valorados en cada unha das categorías) decidiraos un xurado formado por persoas recoñecidas no ámbito audiovisual e nas redes sociais. Os outros dous serán escollidos polo público a través do Instagram de Xuventude Ames. Deste xeito, cada categoría recibirá tres galardóns: dous do xurado e un do público.
Todos os galardóns serán entregados nunha gala que se celebrará o venres, 10 de novembro, no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. O evento estará presentado e dirixido polas/os creadoras/es de contido en galego, @Pradorua e @Gabiig8, e amenizado por Onda Dagda, grupo musical galego de rock composto por mozos e mozas que ensaian na Factoría. A cantante é Maria Iglesias, alumna do IES do Milladoiro e gañadora do concurso Canta con Ames en 2022.