- Tipo
- Tematica
O Concello de Ames súmase un ano máis á conmemoración do aniversario de Rosalía de Castro, unha das escritoras máis universais de Galicia e que, ademais, foi veciña da aldea da Tarroeira, na parroquia de Ortoño, durante unha parte da súa infancia. A programación deste ano, como vén sendo habitual, busca a participación da veciñanza, ofertando unha ampla variedade de actividades para todas as idades, mais poñendo o foco na poboación máis nova. Deste xeito, a programación deste ano pretende estimular e dinamizar o uso do galego entre a mocidade amesá, poñendo en valor e achegándolles referentes en canto ao uso da nosa lingua.
Outra das principais actividades que se celebra todos os anos para enxalzar a figura de Rosalía de Castro é a gala homenaxe na que participa o alumnado dos centros educativos de infantil, primaria e secundaria de Ames. Trátase do acto central da programación rosaliana, organizado polo Concello de Ames para conmemorar o aniversario da escritora que se celebra o 23 de febreiro, para revitalizar o seu pensamento e obra e para por en valor o seu vínculo co concello.
Este evento non podería ser posible sen a colaboración dos equipos de dinamización e normalización lingüística e sen a participación do alumnado de Ames. A entrada será libre e gratuíta ata completar o aforo do auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns.
O evento, conducido pola comunicadora e actriz Cristina Collazo, estará cheo de música e poesía. Ao longo da gala Cristina Collazo interpretará cinco sketchs sobre Rosalía. Na gala tamén participará a asociación de Bugallido e o alumnado dos centros de ensino de infantil, primaria e secundaria, os CEIP de Barouta, Agro do Muíño e A Maía, a EEI do Milladoiro e os IES do Milladoiro de Bertamiráns.
Por último, intervirán persoas destacadas como o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira; o artista Fernando Yáñez; Raquel Arias e Carlota Mera, de Tecidos Tolemia; o actor Xabier Estévez; o alcalde de Ames, Blas García; e a concelleira de Planificación e Xestión Educativa e Mocidade, Carmen Porto. A gala pecharase cun concerto de Uxía Senlle e Santi Cribeiro.
