- Tipo
- Tematica
O Concello de Ames organiza as III Xornadas de saúde mental, que nesta ocasión versarán sobre a saúde mental infantoxuvenil no ámbito educativo. Terán lugar na Casa da Cultura de Bertamiráns, e están dirixidas a profesionais que traballen con nenos e rapaces (persoal sanitario, de servizos sociais, equipos de prevención...) pero tamén ás familias e a todas aquelas persoas que estean interesadas no benestar psicolóxico. As persoas interesadas en participar nesta xornada poden inscribirse de balde, enviando un correo ao enderezo electrónico xornada.ames@gmail.com e indicando nome e apelidos, lugar de residencia, se a asistencia será presencial ou en streaming, e preferencia por un dos dous talleres de tarde simultáneos. As prazas son limitadas e asignaranse por orde de inscrición.
O sábado 4 de maio, as actividades desenvolveranse en horario de mañá, a partir das 9:30 horas. A primeira delas será a conferencia “Construíndo contornas escolares seguras: estratexias para previr e abordar a violencia”, impartida po Mario Izcovich, psicólogo e psicanalista membro da Asociación Mundial de Psicanálise. Arredor das 11:00 horas comezará a segunda conferencia, baixo o título “Adolescencias: do frenesí á vertixe. Como acompañar?”, que contará de novo coa presenza do psicólogo clínico José Ramón Ubieto.
Despois dunha breve pausa, a terceira edición das Xornadas de Saúde Mental pecharase coa representación teatral “¿Y si te pasara a ti?", a cargo da compañía PSIARE, unha formación que nace da unión da psicoloxía, a arte e a educación para o desenvolvemento persoal e social. Fundada en 2009 por Gabriela Lafuente e Javier Casado, busca crear espazos para poder compartir ideas, experiencias e emocións que xeran benestar físico, psíquico e emocional nas persoas participantes.