- Tipo
- Tematica
A empresa amesá Pato Peluqueros, en colaboración con xóvenes promesas e co Concello de Ames, organiza o sábado 1 de xuño un “pop-up” para presentar a nova colección de roupa de verán do deseñador amesán Niko Pato, coñecido artisticamente como Niko Kopa. A xornada desenvolverase no Pazo da Peregrina a partir das 12:00 horas. Os asistentes poderán gozar de descontos especiais no prezo das prendas, recibirán un regalo de benvida e entrarán en diversos sorteos. Ademais, haberá concertos a cargo de artistas noveis de Ames e da súa contorna. Por outra banda, habilitarase unha zona de graffitis.
O evento arrincará arredor das 12:00 horas, coa exposición das prendas, así como de diversos cadros e obras artísticas creadas polo propio Niko Pato. Os asistentes recibirán un regalo de benvida, e poderán gozar de descontos especiais sobre o prezo dos suadoiros, tops e camisetas. Ademais, terán a oportunidade de entrar en sorteos para facerse con entradas para festivais, táboas de skate... e outros premios.
Xa en horario de tarde, sucederanse unha serie de actuacións musicais, englobadas dentro do “Kopa music fest”, e protagonizadas por artistas amesáns e da contorna. Ás 18:30 horas actuará Duve, a quen seguirá Sofia Shizuko, ás 19:00. Arredor das 19:40 horas terá lugar o concerto de Waydn, mentres que ás 20:20 será a quenda de Lepayitss. Rematarán Dasilva, ás 21:00 horas; e Ucsi, ás 21:20 horas. Ao remate dos concertos anunciaranse os gañadores dos sorteos.
Ademais de moda e música, os asistentes poderán gozar dunha zona de creación de graffitis, que estará instalada ao longo de toda a xornada no Pazo da Peregrina.