- Tipo
- Tematica
O domingo 12 de febreiro, celebrarase unha masterclass de zumba no pavillón municipal do Milladoiro, a partir das 12:00 horas. Trátase dunha actividade aberta e de balde, pensada para rapaces e rapazas de entre 4 e 16 anos e para as súas familias. Os interesados en participar deben inscribirse previamente (ata o venres 10, ás 14:00 horas) premendo nesta ligazón e seguindo os pasos que se indican.
A zumba é unha actividade dirixida na que a música, o ritmo, a danza e o baile son contidos fundamentais. Neste caso, búscase fomentar a conciliación e fornecer os hábitos saudables a través da actividade física que supón o baile, xa dende a infancia. Ademais, quérense eliminar os estereotipos de xénero no mundo da danza. Mediante a masterclass, a rapazada e as súas familias poderán expresarse corporalmente a través de música con diferentes ritmos. Así, tomarán maior coñecemento do seu esquema corporal, e mellorarán a súa coordinación, lateralidade, equilibrio, ritmo, etcétera.
Terán prioridade na inscrición as familias monoparentais e monomarentais; as vítimas de violencia de xénero e doutras formas de violencia contra a muller; as mulleres en situación de desemprego de longa duración; as mulleres maiores de 45 anos ou as unidades familiares nas que existan outras cargas relacionadas cos coidados e a comunidade universitaria da USC.