- Tipo
- Tematica
A localidade do Milladoiro acolle un ano máis o festival Millarock, que chega á súa décimo terceira edición. O evento, organizado polo departamento de Cultura do Concello de Ames en colaboración coa Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia, busca promover o rock galego e impulsar a grupos emerxentes da contorna de Ames. Esta cita musical celebrarase o vindeiro 2 de agosto no anfiteatro do Milladoiro, onde actuarán os grupos Dakidarría, Agoraphobia, Biribirlocke e Onda Dagda. O persoal da escola de rock “A Casa do Rock” encargarase dos concertos didácticos e da impartición de obradoiros musicais. Nas vindeiras semanas iranse desvelando máis detalles sobre o cartel do Millarock.
Coa chegada do Millarock, O Milladoiro volve a reunir a destacadas bandas de rock galego, cun cartel no que se citan os grupos Dakidarría, Agoraphobia, Biribirlocke e Onda Dagda. Ademais, o persoal da escola de rock “A Casa do Rock” encargarase dos concertos didácticos e da impartición de obradoiros musicais.
Tras máis de 20 anos desde a súa formación e unha ampla bagaxe de discos e concertos, Dakidarría é un referente no panorama galego e estatal. O seu punto forte son os directos, atrevéndose tanto con salas pequenas como con grandes festivais. A agrupación musical retoma a estrada neste 2024 para descargar en cada escenario a emoción, a enerxía e a adrenalina que se desprende en “XX”, o seu novo disco en directo rexistrado en dous festivais emblemáticos; Revenidas e Castañazo Rock.
Por outro lado, Agoraphobia é unha banda de Boiro formada por Susana Saavedra (voz e percusión), Sabela Sampedro (guitarra), Paula Rego (batería) e Lucía Fernández (baixo) que volve neste 2024 co seu garaje rock, ritmos de distorsión profunda e potentes riffs que sacoden o rock alternativo.
O grupo amesán Biribirlocke chega, despois dunha tempada en standby, cheo de forzas para volver a onde o deixaran e facernos bailar e desfrutar do seu directo. Son contundente cargado de ritmos enerxéticos e alegres apoiados nunha potente sección de ventos. Un directo marcado polos temas que teñen gravado como adianto do seu terceiro disco que está a piques de ver a luz.
Por último, o grupo de rapaces e rapazas amesás Onda Dagda xa ten actuado recentemente en diversas galas do concello así como no certame da Deputación da Coruña “Quero Cantar” no Teatro Colón. O escenario natural do Auditorio da zona verde do Milladoiro será o espazo onde nos amosarán os seus temas e incribles versións revisitadas dalgúns clásicos que estamos seguros nos sorprenderán.
O festival contará tamén coa colaboración da escola compostelá A Casa do Rock. O persoal desta escola colaborará co achegamento aos clásicos do rock. A través dos seus formatos didácticos subirá ao escenario un concerto no que percorreremos os clásicos e os máis dignos representantes da cultura rock cunha proposta adaptada para o público máis novo.