Pestanas principais

> Obradoiro de música tradicional galega e percusión miúda

Sábado, 23 abril, 2022
de 11:00 a 13:00 horas

A Escola Municipal de Música de Ames organiza en abril e maio catro obradoiros musicais de carácter introdutivo, destinados a persoas de máis de 8 anos e cunha oferta variada e diversa de xéneros e disciplinas. O segundo curso do mes terá lugar o sábado 23 abril, nesta ocasión afondando na música tradicional galega e na percusión miúda con Ramón Dopico. As persoas interesadas en participar poden realizar a súa inscrición, enviando esta ficha de inscrición cuberta e asinada ao enderezo electrónico escolademusica@concellodeames.gal. Cun custe de 10 euros, os talleres desenvolveranse os sábados, nunha única sesión de 11:00 a 13:00 horas.

Ramón Dopico presentará cinco instrumentos de pequena percusión presentes na cultura musical de Galicia, historicamente rexeitados e ás veces non recoñecidos como tal. O obradoiro, de nivel inicial, percorrerá os diferentes timbres, cores, patróns rítmicos e xeitos de tocar as tarrañolas, as culleres, as cunchas, a tarabela ou o triángulo.

O custe da praza só se deberán abonar unha vez que o departamento de Cultura confirme a praza a través do correo electrónico. Os grupos estarán formados por persoas a partir de 8 anos, cun mínimo de cinco e un máximo de quince integrantes.