- Tipo
- Tematica
A biblioteca do Milladoiro acolle o venres 12, ás 17:30 horas, un obradoiro de Zentangle dirixido á rapazada a partir de 3º de Primaria. O Zentangle é unha técnica artística que consiste na creación de imaxes a través de patróns que se repiten. Con esta técnica, a rapazada elaborará unha biografía ilustrada do autor Francisco Fernández del Riego, con motivo do Día das Letras Galegas. As persoas interesadas poden inscribirse do 2 ao 10 de maio, chamando ao número 981 53 08 07 ou escribindo un correo electrónico ao enderezo biblioteca@concellodeames.gal.
Esta actividade é unha proposta de animación á lectura coa que se afondará na figura de Fernández del Riego, e na que os participantes descubrirán a importancia das artes como medio de expresión artística. Cada participante traballará na biografía ilustrada do homenaxeado elaborando e deseñando un diario ou caderno coa técnica Zentangle a partir de momentos clave na vida do autor.
Ademais, traballarase a partir da imaxe gráfica de entidades clave para a cultura galega nas que participou, dirixiu ou fundou Del Riego: a presidencia da Real Academia Galega no 1997, a fundación da Editorial Galaxia no 1950, a reorganización do Partido Galeguista na clandestinidade no 1943, a creación da Fundación Penzol ou a codirección da revista galega de cultura Grial, xunto a Ramón Piñeiro, tamén no 1963.