- Tipo
A Asociación de veciños de san Pedro de Bugallido organiza este domingo día 20 un percorrido polos montes da parroquia amiense para recoller as herbas de san Xoán. Para asistir é necesaria a inscrición previa.
A saída que terá lugar ás 10.00 horas do Campo da Festa é de balde e está enfocada a todos os públicos.
Os veciños e veciñas estarán acompañados por Patricia Reboreda, técnica da Aula da Natureza do Concello de Ames. Patricia Reboreda será a encargada de guiar e explicarlle aos asistentes as propiedades das sete herbas de san Xoán.
As persoas interesadas en participar poden inscribirse ata mañá venres a través do correo electrónico aavvbugallido@gmail.com ou na páxina de Facebook da Asociación de veciños de san Pedro de Bugallido.
A AAVV de Bugallido quere deste xeito divulgar e recuperar unha das tradicións vencelladas a esta tradicional festa do Concello de Ames, “a do cacho de san Xoán”. Fento, codeso, fiúncho ou romeu estas son algunhas das herbas que os veciños de Bugallido terán que atopar o domingo. Segundo a tradición hai que saír a véspera de san Xoán na procura das sete herbas de san Xoán, metelas en auga, deixalas toda a noite ao orballo e empregala a mañá seguinte para lavar a cara.