- Tipo
- Tematica
Os departamentos de Normalización Lingüística e de Bibliotecas de Ames organizan, con motivo da celebración do Día do Libro, o acto de presentación do libro do XIX Certame Literario do Concello de Ames. Terá lugar o sábado 22, ás 19:30, no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns.
O libro é unha recompilación dos textos gañadores no XIX Certame Literario do Concello de Ames, celebrado no ano 2022, e que recibiu un total de 153 propostas, das que foron premiadas un total de 18.
Os 18 traballos gañadores proceden de once concellos, espallados por toda a xeografía galega. Deste xeito, entre a listaxe de premiadas atópanse obras con orixe en Ames, Carballo, A Coruña, Moraña, Negreira, Nigrán, Pontevedra, Portas, Rianxo, Vigo e Vilagarcía de Arousa. Neste senso, no concello amesán quedan tres galardóns, entre eles os primeiros premios na 1º e 3º categoría de narrativa, así como o segundo posto na 2º categoría de poesía.
Tres veciños e veciñas amesás foron as persoas encargadas de revisar e xulgar os textos que participaron na XIX edición do Certame Literario de Ames. Trátanse de María López Sández, profesora e escritora; o poeta e profesor Ismael Ramos e o profesor e crítico literario Armando Requeixo. As tres están dedicadas ao mundo da docencia e da creación literaria, e colaboran habitualmente con diversos medios de comunicación.