- Tipo
- Tematica
Un total de 10 clubs e 300 padexeiros e padexeiras van disputar este sábado, 5 de agosto, a regata provincial “Circuíto praia fluvial de Tapia”, organizada pola Deputación da Coruña, o club de piragüismo Ribeiras do Tambre e maila Federación Galega de Piragüismo. O Concello de Ames, a través da Concellaría de Deportes, colabora na organización de dito evento. A proba, que ten un percorrido de 1.500 metros polo río Tambre, comeza ás 16.00 horas e desenvolverase ata ás 20.00 horas aproximadamente. A saída e chegada estará instalada na praia fluvial de Tapia. Trátase da terceira das seis probas que conforman o II Circuíto de piragüismo Deputación da Coruña, no que compiten as categorías bases dos clubs da provincia.
A praia fluvial de Tapia acolle este sábado, 5 de agosto, unha nova edición da regata provincial “Circuíto praia fluvial de Tapia”, un evento que organizan a Deputación da Coruña, o club de piragüismo Ribeiras do Tambre e a Federación Galega de Piragüismo. O Concello de Ames, a través da Concellaría de Deportes, colabora na organización. Este evento deportivo está dirixido a todos os clubs da provincia da Coruña que están a desenvolver a modalidade de augas tranquilas.
Deste xeito, participarán arredor de 300 rapaces e rapazas das categorías base de 10 clubs da provincia con idades entre 6 e 16 anos repartidos nas seguintes modalidades: kaiak homes, kaiak mulleres, canoa homes, canoa mulleres, paracanoe. Os/as participantes estarán divididos nas categorías prebenxamín, benxamín, alevín, infantil e cadete.
Os clubs que participarán son: club de piragüismo Ribeiras do Tambre, club Cabanas KDM, club deportivo náutico de Miño, club grupo xuvenil piragüismo As Pontes, club náutico Firrete, club de piragüismo Narón, club de piragüismo Rianxo – Concello de Rianxo, club de piragüismo Rías Baixas – Boiro, Escola de piragüismo Outes e Sociedade deportiva As Xubias.
Esta proba deportiva enmárcase dentro do II Circuíto de piragüismo Deputación da Coruña. A proba que se celebra en Ames é a terceira das seis que forman o circuíto. Xa se disputaron dúas probas en Rianxo e Pontedeume. Unha vez se celebre a proba de Ames quedarán outras tres que se van a organizar durante o mes de agosto e comezos de setembro en Miño, Outes e As Pontes.