- Tipo
- Tematica
Este martes, 30 de xullo, ás 20.00 horas, o campo da festa de Biduído acolle unha nova sesión da cuarta edición dos “Seráns de Ames”. A iniciativa, que se desenvolve durante os meses de xullo e agosto, acolle nesta ocasión un concerto do grupo SR. Salvaje. Este concerto estaba previsto inicialmente para o xoves 11 de xullo, pero houbo que adialo por choiva.
SR. Salvaje é unha banda amesá nacida no local de ensaio A Factoría, que conta cun repertorio propio que concentra toda a enerxía propia do rock and roll. Nesta ocasión, chegan a Ames coa xira de presentación do seu segundo traballo “Vuela”, co que xa percorreron Galicia e outros puntos da península.
O grupo ao completo está formado por Guillermo Vistoso, vocalista e guitarrista; o baixista Antón Torroncho, o batería Emilio Iniesta, e o teclista Manuel Gómez. Premendo aquí podes ver un dos seus temas. Con temas directos e intensos, igual que o seu show, esta banda bebe de grupos como M Clan, Revólver, Los Zigarros, Soda Stéreo ou AC/DC, así como do rock americano dos anos setenta.
Esta é a terceira das sesións dos “Seráns de Ames 2024”, que xa se estrearon o 4 de xullo na parroquia de Tapia co pregón ofrecido pola xornalista e escritora amesá, Paula Señarís, o e o concerto do grupo As Maianas. Posteriormente, o 18 de xullo, o campo da festa de Bugallido acolleu o espectáculo de danza e circo “A vida tola de Pajarito”.