- Tipo
- Tematica
A compañía Chévere protagoniza unha nova proposta de artes escénicas dentro da programación cultural de Ames para este primeiro semestre do 2023. O espectáculo narra a catástrofe do Prestige vinte anos despois, e representarase o venres, 20 de xaneiro, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. A duración da función é de 105 minutos. As entradas xa poden adquirirse a través da Billeteira electrónica do Concello de Ames.
N.E.V.E.R.M.O.R.E. (A caixa negra do Prestige) é a resposta indescifrable que o corvo do poema de poé dá unha e outra vez ás preguntas dun home que perdeu o que máis quería. Trátase dunha maneira de acudir á memoria colectiva do pobo galego, un deses lugares que se poden borrar do mapa sen que pase nada; un pobo que non se deixou convencer polas mentiras daqueles que aseguraban que non pasaba nada.
Contar esta historia é un conxuro para desfacer o feitizo que segue rodeando á catástrofe do Prestige, convertida nunha metáfora estrañamente perfecta desa cultura do petróleo que nos impide ver que hai máis alá da catástrofe, coma se non puidésemos habitar outro lugar que non sexa ese.