- Tipo
- Tematica
A Escola Municipal de Teatro de Ames presenta o 8 de xuño a obra “Non podo máis!”, na Casa da Cultura do Milladoiro. Trátase dunha comedia irreverente sobre os aspectos da vida que conseguen descolocarnos e sacarnos dos nosos cabais. Será a partir das 20:30 horas. O día 18 de xuño, ás 18:00 horas, haberá un novo pase na Casa da Cultura de Bertamiráns. Os convites, que son de balde, pódense retirar xa na Billeteira electrónica do Concello de Ames.
En “Non podo máis!”, o grupo porá sobre o escenario situacións recoñecibles, do día a día, onde a paciencia dos protagonistas será posta a proba. Como reaccionas cando alguén se cola diante de ti no supermercado? Ou que fas cando a túa filla adolescente se rebela e quere saír de botellón? Que camiño tomas cando vas a ese restaurante tan caro que che recomendaron e só che serve un prato baleiro chamado aroma de cocido?
A obra é unha escolma de escenas seleccionadas e creadas baixo esta premisa para conseguir así a complicidade e o sorriso dun público que ben se podería sentir identificado en moitas delas.
O elenco está conformado por Carmela Pardal, Chelo Cajide, Cris Botrán, Emilia Mayo, Gene Martínez, Ilduara García, Maite Fajardo, Mirela González, Mirella Vázquez e Pablo Núñez.