- Tipo
- Tematica
O Concello de Ames, a través do departamento de Cultura, continúa coa súa ampla oferta de espectáculos no ámbito das artes escénicas. Neste lugar, o martes 25 de marzo, ás 20.30 horas, o auditorio do Milladoiro acollerá a representación da obra “Ubasute” de Berrobambán. Os convites para esta obra pódense descargar de xeito gratuíto na Billeteira electrónica do Concello de Ames. Esta programación é unha actividade de mediación que a compañía Berrobambán desenvolve por estar a facer unha residencia artística no noso concello.
O martes, 25 de marzo, ás 20.30 horas, o auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro acollerá a representación da nova obra da compañía Berrobambán, “Ubasute”, unha peza que invita ao espectador a reflexionar sobre o abandono e a etapa da vellez.
Sinopse de “Ubasute”
Ubasute é un dos proxectos máis recentes de Paula Carballeira, actriz, directora e escritora cunha longa traxectoria ás súas costas. Nesta peza, trátanse temas profundos como o abandono ou a vellez, invitando á reflexión sobre os mesmos.
Así mesmo, Ubasute é un termo xaponés que significa “abandono dunha anciá” e que se refire ao presunto costume de deixar nunha montaña ou nun lugar afastado a un parente vello ou enfermo. Esta peza, a pesar de semellar simple, é difícil de clasificar, pois conxuga xéneros e abre diferentes enigmas para colocar finalmente o foco de atención na reflexión ao redor do abandono.
Dunha forma moi sutil e lúdica, a autora, Paula Carballeira, toca temas de profunda gravidade a través dun xoguete escénico livián que brinda a posibilidade de emprender múltiples viaxes: a de acompañar o tránsito de cada personaxe e a de emprender unha viaxe interior na que cada espectadora poida recoñecerse mentres se abandona ao que queda implícito entre liñas.
Sobre Berrobambán
A compañía Berrobambán conta con máis de dúas décadas de experiencia sobre os escenarios de todo o mundo, creando e representando obras dirixidas para todo tipo de público. Ademais de apostar por un teatro que fomente valores como a igualdade ou o compromiso, o grupo leva dende hai uns anos desenvolvendo unha serie de proxectos dentro do eido social e educativo.
Por outra banda, o vindeiro 16 de maio, Berrobambán representará no auditorio de Bertamiráns a obra “Mulleres que viven soas #MQVS”, a última das pezas incluídas na programación do Ames Cultural para o primeiro semestre do ano. Nesta representación, mestúranse as modalidades do teatro documental, a comedia e o teatro isabelino a través da historia de tres bruxas que plasman á perfección as diferenzas de como nos percibe o resto da xente a como nos sentimos nós mesmas dentro das nosas casas.
