- Tipo
- Tematica
A unidade móbil do programa “Coidados porta a porta” da Xunta de Galicia vai estar no Milladoiro os días 7, 8, 11 e 12 de setembro, co fin de prestar servizos asistenciais para a prevención da dependencia á poboación maior de 55 anos. Desta forma, a veciñanza de Ames poderá gozar de atención especializada en podoloxía, audioloxía e estimulación da memoria.
Neste senso, e solicitando cita previa, poderase acceder a distintos coidados das tres áreas. No servizo de podoloxía farase unha consulta básica (valoración do estado xeral do pé, corte e limpeza de unllas; eliminación de durezas, calosidades e helomas). En audioloxía, realizarase unha valoración e exploración funcional da audición e prevención da perda auditiva. Ademais, no ámbito da estimulación da memoria, levarase a cabo unha valoración cognitiva e achegaranse pautas dende unha perspectiva terapéutica de como previr e aminorar un deterioro, en caso de habelo.