- Tipo
- Tematica
O Apalpador deixa as montañas do Courel para visitar aos nenos e nenas do Concello de Ames. O contador Anxo Moure transfórmase nesta figura e estará no Pazo da Peregrina de Bertamiráns o venres 11 de decembro a partir das 17.00 horas. Ademais, haberá un agasallo sorpresa para cada crianza que se achegue. Para asistir é imprescindible inscribirse previamente, até o 10 de decembro, escribindo a normalización@concellodeames.gal.
O contador Anxo Moure será o encargado de poñerse na pel do Apalpador e de conducir estas sesións con cantos e contos para explicar a súa orixe e sensibilizar ás persoas asistentes sobre o coidado do medio. Ademais, virá cargado cun agasallo sorpresa que levarán para a casa todas as crianzas que veñan coñecelo e recollerá as cartas que as nenas e os nenos queiran deixarlle.
A actividade realizarase no patio do Pazo da Peregrina de Bertamiráns o venres 11 de decembro en diferentes sesións ao longo de toda a tarde para que poidan participar na actividade e recoller o agasallo todas as familias que se anoten. Por mor da situación actual, a visita será en exterior e con todas as medidas de seguridade, motivo polo que se recomenda ás familias que veñan con roupa de abrigo.
Para asistir é preciso inscribirse previamente enviando un correo electrónico a normalizacion@concellodeames.gal no que se indique o nome e apelidos de todas as persoas que queiran acudir, a idade das crianzas e o teléfono de contacto. O prazo de inscrición está aberto até o xoves 10 de decembro. O Servizo de Normalización Lingüística confirmará por correo todas as inscricións e asignaralles unha hora a cada unha das familias.