- Tematica
O auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá o mércores 11 de xaneiro, ás 17:30 horas, unha nova charla sobre ciberseguridade e fraudes nas redes. Nesta ocasión, ademais, clausuraranse os cursos do segundo módulo de alfabetización dixital nas parroquias de Tapia, Ameixenda, Augapesada, Covas e Ortoño. Deste xeito, entregaráselle un diploma a arredor de medio cento de veciños que asistiron a estas clases.
A charla, aberta a todos os públicos e de balde ata completar aforo, abordará a manipulación e a desinformación na rede, así como os principais fraudes asociados a isto: phishing, compras en liña, anuncios vacacionais ou choios de segunda man. O encargado de impartila será Nacho Álvarez, diplomado en Investigación Privada e graduado en Criminoloxía pola Universidade de Salamanca. Álvarez tamén está habilitado como Xefe e director de Seguridade polo Ministerio de Interior, e conta coa habilitación de Instrutor de Seguridade.
Tras colaborar durante dous anos para a Secretaría de Estado de Igualdade nun programa de investigación sobre homicidios no contexto da violencia de xénero, no ano 2018 comezou a traballar en SIA como consultor de ciberseguridade, onde obtivo as certificacións de Auditor Xefe de Sistemas de Xestión de Seguridade da Información e como Auditor Xefe en Continuidade de Negocio. Actualmente, é responsable de formación e concienciación en ciberseguridade de Govertis – TelefónicaTech.
Por outra banda, minutos antes da conferencia clausuraranse os cursos do segundo módulo de alfabetización dixital no rural que se celebraron nas parroquias de Tapia, Ameixenda, Augapesada, Covas e Ortoño. Nesta ocasión participaron arredor dunhas 50 persoas, que recibirán os seus diplomas de asistencia no acto que se celebrará na Casa da Cultura. Os cursos pretendían reforzar os coñecementos adquiridos polo alumnado na primeira parte da formación, que foi impartida o pasado ano. Deste xeito, ensináronse nocións sobre temas relacionados coa xestión de arquivos, a ofimática, o tratamento de imaxes, o correo electrónico, as redes sociais ou o uso de dispositivos móbiles.