Pestanas principais

>Xornada "Uso responsable das redes sociais"

Mércores, 27 novembro, 2024
Ás 18:00 horas

O mércores 27 de novembro, ás 18:00 horas, terá lugar na Casa da Cultura do Milladoiro unha conferencia sobre o uso responsable das redes sociais organizada pola aula AMTIC. A charla, dunha hora de duración, abordará cuestións como o uso consciente destas plataformas ou algúns dos perigos asociados a elas. No evento poderá participar público adolescente (a partir de 16 anos) e adulto que faga uso de diferentes redes sociais, así como familias que queiran saber máis sobre como usar de xeito responsable as diversas plataformas.

Co gallo da celebración do Día Internacional da Seguridade da Información o día 30 de novembro, a aula AMTIC ten programada para o mércores 27 unha xornada arredor do uso responsable das redes sociais. O obxectivo desta actividade é proporcionar ferramentas e estratexias efectivas para o uso consciente e responsable das redes sociais, e para recoñecer riscos asociados a elas na actualidade.

Contidos
A conferencia comezará cunha serie de preguntas e cuestionarios que os asistentes responderán conxuntamente e de forma oral para que formen unha imaxe global do uso que fan das redes sociais: que tipos de redes utilizan, canto tempo invirten, que é o que buscan nelas, etc.

A continuación aprenderán algunhas pautas para facer un uso responsable das redes sociais, como poden ser revisar o acceso que teñen configurado nas súas redes, revisar o contido antes de publicalo, ser conscientes do contido que consumimos e como nos afecta este tipo de contido ou filtrar a información que reciben, entre outros.

Finalmente, visualizaranse distintos vídeos nos que se recrearán casos de diferentes perigos asociados ás plataformas como o sexting, o grooming, problemas de privacidade, phising ou fraudes, e analizaranse as súas consecuencias.