- Tematica
Este martes, 22 de setembro, de 19.00 a 20.00 horas, celébrase unha xuntanza no local social de Bugallido, sobre os Orzamentos Participativos de 2020. Trátase dunha asemblea de presentación de propostas .
Esta xuntanza terá unha duración aproximada de 1 hora e atenderase individualmente a cada veciño/a que irán entrando de xeito graduado. Será obrigatorio o uso de máscara. Porase a dispor en cada entrada xel hidroalcohólico e garantiranse en todo momento asas medidas de seguridade e distanciamento.
Para a execución dos OP2020, destinaranse no Orzamento 2021 un total de 200.000 euros. As actuacións desenvolveranse ao longo do 2121 segundo as seguintes cantidades: 120.000€ para investimentos no conxunto do rural; 40.000€ para investimentos dirixidos á mocidade; 10.000€ destinados a actividades ou programa dirixidos á mocidade, 10.000€ destinados actividades ou programas dirixidos á muller; 10.000€ destinados a actividades ou programas dirixidos á cultura; e 10.000€ destinados a actividades ou programas dirixidos ao medio ambiente.
A cidadanía poderá decidir investir, por exemplo, en creación de novas infraestruturas (sinalización, mobiliario urbano, paneis informativos, parques, xardíns, fontes, lavadoiros, etc), en repoñer infraestruturas (remodelación de áreas recreativas, espazos naturais, reposición de fontes, de mobiliario urbano ou de equipamentos deportivos, etc), en reformas, acondicionamento e equipamento de edificios e instalacións municipais ou adquisición de software e hardware (aplicacións, plataformas dixitais, equipos informáticos...) Tamén pode decidir investir en programas e actividades que inclúan gastos de adquisición de bens e servizos externos, como, por exemplo, festas,festivais, talleres, formacións, campañas de sensibilización, etc.