Pestanas principais

> XV Carreira do Pavo de Ames

Domingo, 18 decembro, 2022
A partir das 11:00 horas

Bertamiráns acolle unha nova edición da Carreira Ciclista do Pavo o domingo 18 de decembro. As actividades darán comezo ás 11:00 horas, cunha xincana para os máis pequenos, mentres que a proba se iniciará ás 12:00 horas. Ao remate da carreira realizaráselle unha homenaxe ao ciclista Álex Marque. As inscricións están abertas ata o sábado 17: os participantes federados deberán anotarse a través da páxina web da Federación Galega de Ciclismo, mentres que aqueles que non posúan licenza e os cativos e cativas poden facelo enviando os seus datos ao enderezo electrónico begonaalonso@mundo-r.com.

A Carreira do Pavo transcorre por un circuíto urbano, ubicado nas inmediacións do paseo fluvial de Bertamiráns. As persoas participantes deberán dar unhas vinte voltas ao circuíto, duns 1.600 metros de lonxitude. No inicio das voltas 5, 10 e 15, realizarase un sprint especial ao paso por meta, para repartir premios de Nadal entre os gañadores/as.

Os premios da proba, como vén sendo habitual, serán un pavo, un polo e unha perdiz para o primeiro, segundo e terceiro clasificado, respectivamente. Cómpre sinalar que non se trata de animais vivos, e que se entregarán ás primeiras persoas en cruzar a meta, ao haber só unha categoría de competición.