Pestanas principais

O Milladoiro dispón de máis de 400 prazas de aparcamento público

Sábado, 08 de xaneiro de 2011

[08-01-2011] O goberno municipal está traballando dende hai varios anos para habilitar e crear novas bolsas de aparcamento nos dous principais núcleos urbanos do municipio, Bertamiráns e O Milladoiro. Nesta última localidade, a máis poboada do concello con 11.842 habitantes, hai varias zonas para que todas as persoas que residen ou se achegan a esta localidade para facer as súas compras poidan estacionar o seu vehículo con total tranquilidade. Existen máis 400 prazas de aparcamento gratuíto se temos en conta o aparcamento da Casa da Cultura, o aparcamento que linda coa travesía do Porto e que está enfronte da EEI Milladoiro, e as prazas de aparcamento que hai ao longo da travesía do Porto e na rúa Palmeiras. Ademais o Concello está traballando para habilitar unha nova bolsa de aparcamento que estará situada entre as rúas Agro do Medio e Curuxa, ao lado do centro comercial SuperCor.

O Concello de Ames está traballando para habilitar novas bolsas de aparcamento no Milladoiro, pero na actualidade xa existen varias zonas con prazas para estacionar en diferentes puntos desta localidade. Neste momento O Milladoiro dispón de máis de 400 prazas de aparcamento gratuítas na zona norte desta localidade. Con estes aparcadoiros públicos dáselle solución aos posibles problemas de estacionamento provocando un incremento da capacidade competitiva do comercio amiense e da calidade de vida da veciñanza amiense.

Na zona norte do Milladoiro hai unhas 400 prazas de aparcamento gratuíto que están repartidas entre o contorno da Casa da Cultura, o aparcamento que linda coa travesía do Porto e que está enfronte da EEI Milladoiro, e as prazas de aparcamento que hai ao longo da travesía do Porto e na rúa Palmeiras. Nesta zona hai dúas grandes zonas de aparcamento. Por unha banda está o aparcamento da Casa da Cultura con 92 prazas, das cales 3 están reservadas para persoas con mobilidade reducida, e por outro lado pódese estacionar no aparcamento que se atopa enfronte da Escola Infantil Milladoiro que conta con 231 prazas, das cales 4 están reservadas para persoas con mobilidade reducida. Ademais ao longo da Travesía do Porto hai arredor de 30 prazas e na rúa Palmeiras hai arredor de 50 prazas para aparcar en batería e e en liña.

Estas zonas de aparcamento están nun lugar moi accesible e atópanse a pouco máis de tres minutos do centro de saúde ou das oficinas xerais do Milladoiro. Dende a Casa da Cultura do Milladoiro ata o centro de saúde camiñando polas beirarrúas, usando os pasos de peóns e baixando pola rúa dos Cereixos hai escasamente 300 metros de distancia. Ademais este aparcamento dá servizo a todas as persoas que acoden diariamente tanto á Casa da Cultura coma ao pavillón polideportivo.

Por outra banda, existe outro aparcadoiro que linda coa travesía do Porto, que se atopa enfronte da Escola de Educación Infantil Milladoiro. Este aparcamento ofrece servizo a todos os pais e nais que teñen que deixar e recoller aos seus fillos/as neste centro de ensino. Ao igual que no caso anterior dende este aparcadoiro ata as oficinas municipais camiñando polas beirarrúas e usando os pasos de peóns hai escasamente uns 300 metros de distancia. Este aparcadoiro tamén ofrece servizo a todas aquelas persoas que teñen que acudir á praza de Manuel Murguía ou a outro tipo de servizos como farmacias, restaurantes, supermercados... lugares moi frecuentados por todos os amienses. En ambos os dous aparcadoiros pódese deixar o coche con total tranquilidade e de sen límite de hora.

Dende o goberno municipal inciden en que as novas bolsas de estacionamento estanse habilitando nas zonas periféricas ao núcleo urbano que xa existe na actualidade, xa que resulta imposible construír novos aparcadoiros no medio do núcleo urbano porque está completamente edificado. Segundo manifesta o alcalde de Ames, Carlos Fernández, "hai que buscar novas zonas de aparcamento nos lugares periféricos do Milladoiro porque o que non se pode facer é derrubar un edificio para habilitar novas prazas de estacionamento. Polo tanto hai que buscar alternativas nas zonas periféricas desta localidade".

Campaña de estacionamento

Dende o Concello de Ames farase de novo unha campaña para que os propietarios con praza de garaxe nos sotos dos edificios empreguen a súa praza de garaxe e non deixen o seu vehículo estacionado na vía pública, xa que entre os comerciantes e os veciños/as desta localidade chegan a colapsar, en moitas ocasións, as prazas de aparcamento que existen en superficie.

Na actualidade estase construíndo un novo aparcadoiro público entre as rúas Agro do Medio e Curuxa, ao lado do centro comercial SuperCor. Deste xeito vaise facer un novo aparcadoiro nunha zona moi céntrica desta localidade, que estaría situada entre o sector parcial S-14 e o S-15. Nestes momentos as máquinas xa están traballando nesta zona sacando terra e adecuando o terreo para a execución do devandito proxecto.

Este aparcadoiro será temporal xa que nesta zona está previsto desenvolver unha rotonda de grandes dimensións. Fernández destaca que "mentres non se desenvolve este proxecto está zona pódese usar para habilitar unha bolsa de estacionamento".

Ademais, está previsto que nesta zona, onde actualmente se están executando este proxecto, se constrúa un aparcadoiro subterráneo. Mentres non se pode desenvolver este proxecto o aparcadoiro ao aire libre ofrecerá novas zonas para os vehículos. Dende a Alcaldía manifestan que xa se iniciaron as xestión para poder construír o devandito aparcadoiro subterráneo, pero ata o de agora non existe ningunha iniciativa privada que o execute.

A nova noutros medios dixitais:

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ames quiere concienciar a vecinos con plaza de garaje"
La Voz de Galicia: "Una campaña municipal invitará a los vecinos de Milladoiro a que usen sus garajes"