Pestanas principais

A programación cultural de inverno traerá a Ames teatro, cine e moitas outras actividades

Martes, 11 de xaneiro de 2011

[11-01-2011] O inverno chega a Ames cargado de actividades culturais para a veciñanza. O teatro, o cine, obradoiros e actividades deportivas son parte dunha oferta completa dirixida a todos os públicos que continuará ao longo de tres meses. Tamén haberá tempo para coñecer outras zonas de Galicia con excursións fóra do Concello, e darase a posibilidade a persoas de fóra da nosa Comunidade de aprenderen a nosa lingua e cultura.

O Concello de Ames oferta este inverno unha nutrida programación cultural orientada a todos os públicos. Durante os vindeiros tres meses os veciños e veciñas do Concello poderán asistir a representacións teatrais, exposicións, proxeccións cinematográficas, obradoiros e cursos de todo tipo, deportes e moitas outras actividades.

O vindeiro venres 14 arrinca esta programación coa representación da obra 'Life is a paripé' da compañía Teatro Obras Públicas, unha montaxe na que se mesturan a música, o teatro e grandes doses de humor. Será na Casa da Cultura do Milladoiro ás 21:00 horas. Ademais, do 21 ao 28 deste mes o fotógrafo Paco del Pino exporá a súa obra no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, nunha mostra patrocinada pola Deputación Provincial da Coruña. O venres 21 dentro do ciclo de Cine Xuvenil emitirase 'Celda 211', protagonizada polo actor galego Luís Tosar e gañadora de oito premios Goya, ás 20:00 horas na Casa da Cultura de Bertamiráns.

O mércores 26 e o xoves 27 terá lugar o Obradoiro de paz ás 18:30 h. na Biblioteca de Bertamiráns. Dirixido a nenos e nenas maiores de 8 anos, as inscricións deberán facerse entre o 10 e o 22 de xaneiro nas bibliotecas. O domingo 30 Caramuxo Teatro representará 'Mensaxe sen botella' na Casa da Cultura de Bertamiráns ás 17:00 horas.

Xa en febreiro, o sábado día 5 terá lugar o Obradoiro reciclArte dirixido a nenos e nenas de entre 6 e 10 anos na Casa da Cultura de Bertamiráns ás 11:30 horas. O domingo 6 tocará teatro con 'Carta urxente para Máximo Toxo' de Talía Teatro na Casa da Cultura do Milladoiro ás 17:00 h. O mécores 9 e o xoves 10 haberá un Obradoiro de poesía na Biblioteca de Bertamiráns ás 18:30 horas, dirixido a nenos e nenas maiores de 8 anos e cuxa inscrición deberá facerse entre o 24 de xaneiro e o 5 de febreiro nas bibliotecas. O venres 11 volverá o Cine xuvenil con 'El equipo A' na Casa da Cultura do Milladoiro ás 20:00 horas.

O sábado 12 terá lugar outra edición do Obradoiro reciclArte na Casa da Cultura do Milladoiro ás 21:00 horas. Está dirixido a nenos e nenas de 11 a 14 anos. O venres 18 Teatro do Atlántico representará 'Memoria de Elena e María' na Casa da Cultura do Milladoiro, ás 21:00 horas. O sábado 19 os amantes da aventura poderán gozar dunha partida de Paint-ball en Bertamiráns ás 15:00 horas. As prazas son limitades, e o prezo de 12 euros. As inscricións deberán efectuarse entre o 1 e o 15 de febreiro, pudendo participar só maiores de 14 anos.

O domingo 20 Loca-Motora teatro representará 'Carlos e Marieta' na Casa da Cultura de Bertamiráns ás 17:00 horas. O venres 25, no mesmo lugar Teatro do Morcego representará 'A nona' ás 21:00 horas. O sábado 26 terá lugar unha Xornada multideportiva na área deportiva do Milladoiro ás 16:30 horas. O domingo 27 os amantes da natureza poderán gozar cunha Excursión a Espazos Naturais de Galicia, para a que se elaborará un programa específico.

En marzo exporase, entre o 1 e o 25, a mostra de fotografía 'Elas fan o camiño' no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. O venres 4 terá lugar o Concerto de Entroido da Escola Municipal de Música de Ames na Casa da Cultura de Bertamiráns ás 20:30 horas. O sábado 5 celebraranse as Festas do Entroido en Bertamiráns e no Milladoiro, que contarán cun programa específico. O mércores 9 e o xoves 10 terá lugar o Obradoiro 8 de marzo ás 18:30 horas na Biblioteca de Bertamiráns. Está dirixido a nenos e nenas maiores de 8 anos e a inscrición poderá realizarse entre o 21 de febreiro e o 5 de marzo nas bibliotecas. O venres 11 haberá mais Cine xuvenil coa proxección de 'Avatar' de James Cameron ás 19:00 horas na Casa da Cultura de Bertamiráns.

O sábado 12 será o día para o ciclismo. Quen queira participar das Xincanas ciclistas poderá pasar ás 16:30 pola Praza de Chaviáns de Bertamiráns. O domingo 13 A Xanela do Maxín teatro representará 'A pequena lúa' na Casa da Cultura de Bertamiráns ás 17:00 horas. O venres 18 Producións Teatrais Escéntricas representará 'Un cranio furado' na Casa da Cultura do Milladoiro ás 21:00 horas. O domingo 20 haberá unha ruta de sendeirismo por Teo para a que se poden facer as inscricións no 981 88 49 91 entre o 7 e o 18 de marzo. O venres 25 Teatro Galileo representará 'Sempre quixen bailar un tango' na Casa da Cultura de Bertamiráns ás 21:00 horas, e o sábado 26 haberá unha nova oportunidade para coñecer outras zonas de Galicia na excursión á península do Barbanza dentro da iniciativa Coñecendo o país. As inscricións poderán facerse entre o 14 e o 18 de marzo. O domingo 27 The Pinga Teatro representará 'O bufón do reino' na Casa da Cultura do Milladoiro ás 17:00 horas.

Ademais de todo o anterior, as persoas de fóra de Galicia residentes en Ames contarán con oportunidades para coñecer a nosa lingua e cultura. Haberá Obradoiros destas en Bertamiráns e no Milladoiro cuxo prazo de inscrición será entre o 14 e o 25 de febreiro. Tamén haberá cursos de galego do CELGA para os que se pode realizar a preinscrición a partir do 17 de xaneiro no 981 88 49 91. Os afeccionados ao teatro poderán presentarse a un Concurso radiofónico de teatro lido cuxo programa será elaborado máis adiante. Entre xaneiro e marzo haberá varias representacións do espectáculo de contacontos 'Conto, contas, contan,,, cantos contos contas ti?'. Será na Biblioteca do Milladoiro ás 18:oo horas o 20 de xaneiro, o 2 e o 17 de febreiro e o 17 de marzo, na de Bertamiráns ás 18:00 horas o 19 de xaneiro, o 3 e o 16 de febreiro e o 16 de marzo, no Local Social de Augapesada ás 18:00 horas do 17 de xaneiro, o 14 de febreiro e o 14 de marzo, e no Local Social de Bugallido ás 18:00 horas do 18 de xaneiro, o 15 de febreiro e o 15 de marzo. Está dirixido a nenos e nanas a partir de 3 anos. Ademais, quen queira apuntarse á Comparsa do entroido da biblioteca poderá facelo entre o 24 de xaneiro e o 14 de febreiro. Por último, haberá un Obradoiro de radio e Obradoiro de luz e son dirixidos a mozos e mozas a partir de 12 anos entre xaneiro e abril, con prazas limitadas.

Con esta programación o Concello de Ames tenta achegar aos veciños e veciñas unha oferta variada e interesante que cubra todos os público e intereses. O deporte, o teatro, o cine, os obradoiros, as exposicións e o resto de actividades farán pasar un inverno moito máis entretido en Ames.

Contido relacionado


Teatro, cine, literatura, exposicións, deportes e cursos forman o trimestre cultural de Ames
A nova nos medios