Pestanas principais

Comeza no Pazo da Peregrina o ciclo "A volta coas Viaxes" que organiza o departamento de Filosofía do IES

Xoves, 13 de xaneiro de 2011

[13-01-2011] "¿Canto falta por chegar?", "As viaxes espaciais", "Non ancho mar, guía para non perderse", "Viaxe dantesca a outro mundo", "Viaxes virtuais e viaxes solidarias", "Percorridos sonoros" e "Viaxe ao imperio dos sentidos" son algúns dos títulos das charlas que os profesores e profesoras do IES de Ames ofrecerán ao longo deste curso dentro do Ciclo de Exposicións Complementarias que organiza o departamento de Filosofía e que este ano leva como título xenérico "A volta coas Viaxes". O ciclo comezou onte no pazo da Peregrina. Na sesión inaugural interviñeron, ademais da profesora Eva Garea, primeira das conferenciantes, o profesor Juan Yürs que presentou o acto, a directora do IES, Marisol Louro e o alcalde Ames Carlos Fernández. Un grupo de alumnas de grego recitou no idioma helénico un poema de Kavafis que fala da importancia do percorrido fronte á meta. O Concello colabora con esta actividade do Instituto cedendo o pazo da Peregrina para as conferencias ás que está convidada toda a comunidade educativa e a veciñanza de Ames e que terán lugar os mércores ás seis e media da tarde.

"A importancia é a viaxe, o percorrido, non a meta". Un poema de Kavafis, lido en grego por Marta Areal, Isabel Botana, María José Fernández, Rocío Cobreros e Fernanda Guzmán, alumnas da asignatura de grego que imparte Margarita Olivar, centrou o tema do novo Ciclo de Exposicións Complementarias que pon en marcha o departamento de Filosofía do IES de Ames. Antes, no acto de presentación do ciclo, o profesor Juan Yürs falou do valor destas xornadas na educación complementaria do alumnado e tamén na "cohesión cos distintos axentes que conforman a comunidade educativa desde o profesorado e as familias ate a veciñanza de Ames que se anima a participar conxuntamente destas reflexións".

Interviñeron tamén o alcalde de Ames, Carlos Fernández, quen gabou a calidade do IES "temos uns Instituto que non ten nada en absoluto que envexar a ningún outro" e a satisfacción do Concello por colaborar en actividades como esta que "pon de manifesto a gran calidade educativa do Centro". Pola súa banda a directora do IES, Marisol Louro, quixo facer fincapé no agradecemento aos profesores e profesoras que "poñen todo o seu traballo e non regatean horas fora do horario escolar para que estas xornadas sexan sempre un éxito". A profesora Eva Garea foi a encargada de inaugurar o ciclo coa charla titulada "¿Canto falta para chegar?".

É o quinto ano que o activo departamento de Filosofía do IES, dirixido polo profesor Anxo Sampedro, organiza un ciclo temático no que implica á meirande parte dos profesores e profesoras do Instituto de Ames e de cuxas reflexións se beneficia toda a comunidade educativa. Non é a primeira vez pois que as familias dos alumnos e das alumnas, o propio alumnado e profesorado e a veciñanza de Ames asiste a un ciclo de exposicións complementarias como este. A primeira vez o tema elixido foi "A voltas cos gregos". Nos cursos seguintes a ciencia, a auga e o amor foron os temas sobre os que se traballou desde os distintos departamentos do Instituto. Este ano, profesores e profesoras de distintas disciplinas desde a propia filosofía ate a música ou a literatura traballan "A volta coas viaxes".

As conferencias terán lugar os mércores ás seis e media da tarde, agás aqueles que coincidan con periodos vacacionais ou épocas fortes de avaliacións. O Concello cede o pazo da Peregrina para a realización do ciclo que continuará o mércores 19 de xaneiro coa conferencia "Os buratos de gusano e a viaxe no tempo" a cargo do profesor Suso Fidalgo. Para o 26 de xaneiro, Renata Otero ten previsto falar de "Road movies. Cine sobre rodas". A quenda será a continuación para o profesor Antonio Vázquez ca conferencia "As viaxes espaciasi" que terá lugar o 2 de febreiro. "No ancho mar. Guía para non perderse" é o título da exposición da profesora Pilar Tobar que trerá lugar o 9 de febreiro. O 16, José Berreichoa falará de "Viaxes paradigmáticas: Cook e os límites do mundo". O 23, Federico Bouza fará o proio con "Fai catro mil anos".

Lucinda Sousa inaugurará o mes de marzo, o día 2, falando dunha "Viaxe dantesca a outro mundo". Para o día 30 do mesmo mes está previsto que Esteban Lestón e Mariel Valiela falen respectivamente de "Viaxes virtuais" e "Viaxes solidarios". Xa no mes de abril, o día 6, Fernando Sainz falará de "Viaxe á barbarie: Gauguin". Para o 13 do mesmo mes está previsto que a profesora Ana Martínez ofreza a conferencia "Outras viaxes: Os estados alterados de conciencia". O 27, Anxo Sampedro, director do departamento de Filosofía e alma mater na creación do ciclo falará de "O periplo de Cartesius".

En maio, o 4, Juan Gil LÓPEZ e Sonia Rohrer exporán o seu traballo "Percorridos sonoros". O 11, Juan C. Yürs ofrecerá a conferencia "Realidade e ficción nas viaxes de Julio Verne". O 18 Margarita Olivar falará de "As mil e unha viaxes" e Mercedes Neira fará unha "Viaxe ao imperio dos sentidos". Esta última sesión do ciclo incluirá, como xa ven sendo tradicional, unha desgustación culinaria.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "A área de filosofía do IES de Ames organiza un ciclo de conferencias sobre viaxes"