Pestanas principais

A Policía local reforza o operativo de seguridade para manter os niveis de seguridade alcanzados en Ames

Xoves, 20 de xaneiro de 2011

[20-01-2011] Ante a vaga de roubos que se produciron nas últimas semanas nalgúns municipios da comarca, os responsables de seguridade do Concello de Ames puxeron en marcha diversas medidas co obxectivo de manter os niveis de seguridade alcanzados e para que non se experimente un incremento do número de delitos. A Policía local incrementará a vixilancia en todos aqueles lugares que son máis propensos a ser obxecto de posibles roubos. Preténdese deste xeito adoptar medidas preventivas, por parte dos corpos de seguridade, para evitar actos vandálicos. O alcalde de Ames, Carlos Fernández, insiste en que se continúa na mesma liña de traballo, pero de xeito máis intenso para tratar de que non se produzan estes incidentes no termo municipal amiense.

Nas últimas semanas estase creando unha situación de alarma social entre a veciñanza da comarca debido a diversos roubos que se están producindo nos concellos da comarca. Iso provoca que dende a Administración local estean atentos e precavidos de cara a que eses mesmos sucesos non se produzan en Ames. Para iso dende a Policía local de Ames vaise incrementar o nivel de vixilancia sobre todos aqueles establecementos e lugares que poden ser obxecto dun posible roubo.

Os roubos que se produciron durante as últimas semana en varios concellos da comarca afectaron a establecementos comerciais e hostaleiros. Para estar alerta e previr que iso non suceda no termo municipal amiense o alcalde de Ames, Carlos Fernández, pediulle aos corpos de seguridade que incrementen aínda máis o nivel de precaución para evitar este tipo de actos. A Policía local e a Garda Civil seguirán na mesma liña de actuación que está desenvolvendo ata este momento, pero elevando o nivel de traballo para estar alerta ante calquera situación anormal ou sospeitosa que se detecte. Deste xeito pretendese manter os niveis de seguridade alcanzados ata o de agora e que non haxa un incremento no número de delitos.

Polo tanto, trátase dunha medida preventiva que vai obrigar aos corpos de seguridade a estar aínda máis atentos para evitar actos vandálicos nas rúas amienses. Dentro desta liña de traballo durante os últimos días os axentes do corpo de seguridade amiense abriron dilixencias contra dous infractores por cadanseu delito contra a seguridade viaria. Unha muller foi identificada na madrugada do domingo por conducir baixo os efectos do alcol e un home na noite entre o luns e o martes da semana pasada por conducir un vehículo sen posuír ningún permiso.

Delitos contra a seguridade viaria

A Policía local abriu dilixencias contra dúas persoas a semana pasada por delitos contra a seguridade viaria. Na noite entre o luns e o martes foi identificado un condutor que non posuía permiso de conducir en Bertamiráns. Na madrugada do domingo, tamén en Bertamiráns, foi identificada unha muller que conducía baixo os efectos do alcol.

O condutor sen carné foi identificado despois de que efectuase un cambio de sentido nun lugar prohibido na intersección entre a Avenida da Maía e a rúa Alcalde Lorenzo. Cando os axentes lle deron o alto descubriron que o condutor carecía de permiso de condución, polo que lle indicaron que debía acompañalos a dependencias policiais, ao que accedeu voluntariamente. Unha vez alí abríronselle dilixencias por un delito contra a seguridade viaria recollido no artigo 384 do Código Penal.

Outro caso ocorreu preto das tres da mañá do domingo cando a Policía local recibiu a chamada dun veciño informando da presenza dun vehículo estacionado nun paso de peóns da rúa Agrelo de Bertamiráns que previamente circulara dando bandazos pola mesma rúa. Os axentes que se desprazaron ao lugar identificaron á condutora, unha muller que presentaba evidentes síntomas de atoparse baixo os efectos do alcol. Ante o resultado positivo na proba de alcolemia acompañou a patrulla ás dependencias policiais, onde realizou a proba de precisión que tamén foi positiva, polo que se procedeu á apertura de dilixencias.

Baleirado de extintores

A Policía local tamén identificou a un home que presuntamente baleirara os extintores dunha comunidade de veciños na madrugada do sábado en Bertamiráns. Os veciños denunciaron que ás tres da mañá que unha persoa entrou no portal e baleirou os extintores de dúas plantas deixando o seu contido de po potencialmente tóxico esparexido, ademais de chamar a varios timbres. Na propia noite unha patrulla trasladouse ao lugar dos feitos e posteriormente identificou a unha persoa como causante dos danos ocasionados tras ser recoñecida por varios veciños.

A nova noutros medios dixitais:

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "La Policía Local refuerza su operativo para prevenir robos en Ames"